Nancy
Capital de Lorena e do departamento de Meurthe-et-Mosella, Francia, situada nas ribeiras do Moselle, do Meurthe e do canal navegable do Marne ao Rin (103.605 h [1999]). As áreas industriais modernas sitúanse en Heillecourt, ao S, Seichamps, ao NL, e Ludres, ao SL, que destacan como núcleos siderúrxicos e metalúrxicos. Desenvolveuse ao amparo do castelo de Xeraldo de Alsacia (1069) e, incendiada por Enrique de Bar (1218), foi reconstruída por Mateo II de Lorena. Asediada e ocupada en 1476 por Carlos I de Borgoña o Temerario, foi recuperada por Renato II de Lorena. Os franceses ocupárona en diversas ocasións e perdeu a capitalidade de Lorena en beneficio de Lunéville. Ao morrer Estanislao I de Polonia (1766), duque de Lorena desde 1738, pasou definitivamente a Francia. Do seu patrimonio cultural destaca o antigo barrio da Vieille-Ville coa antiga igrexa dos franciscanos, e o conxunto urbanístico do s XVIII formado, entre outros, pola praza Stanislas, a praza da Carrière, a catedral e a igrexa de Saint-Sébastien.