Nanjing
Capital do sheng de Jiangsu, China, na rexión do Leste, situada á beira dereita do Iang-Tsé, ao O de Shanghai (2.090.809 h [1990]). Ten refinarías de petróleo, industrias téxtiles, químicas, de fertilizantes, de tractores e alimentarias. A antiga cidade de Giuling, construída hai uns 2500 anos, estaba situada en Nanjing. Durante a dinastía hang foi unha cidade subordinada co nome de Tanyang e durante o período das seis dinastías foi a capital de China. Os ming convertérona en cidade imperial e en 1368, o primeiro emperador desta dinastía, Zhu Yuanzhang, deulle o nome de Yingtien e converteuna na súa capital, aínda que se coñeceu popularmente como Nanjing (capital do S). En 1403 o terceiro emperador da dinastía ming trasladou a capital a Pequín, e Nanjing adoptou a denominación de Kiangsing. Ocupada polos británicos (1842), durante a Rebelión dos Taiping, a cidade foi ocupada polos rebeldes, que a converteron na súa capital desde 1853 ata que os británicos a recuperaron en 1864. Durante a Revolución Chinesa foi capturada polas forzas de Sun Yatsen (1912) e en 1927 caeu en mans das forzas nacionalistas e substituíu a Pequín como capital nacional (1928). Durante a ocupación dos xaponeses, foi capital do goberno de Wang Jingwei (1938-1945) e durante a ocupación dos comunistas en 1949, converteuse en capital provincial. Destacan as murallas que rodean a cidade, destruídas en parte en 1864.