Nantes
Capital do departamento de Loire Atlántico, na rexión administrativa de País do Loire, Francia, situada na cabeceira do esteiro do Loire (270.251 h [1999]). É unha cidade portuaria e un centro industrial da metalurxia pesada, de contrución naval, da produción alimentaria, dos zapatos e a química, sectores industriais que se estenden cara ao S, e tamén conserva arredor unha área de intensa produción hortícola. A planta urbana sufriu unha intensa remodelación, que foi reforzada despois da Segunda Guerra Mundial. Antiga capital do pobo galo dos namnetes, foi residencia dos reis e despois dos duques de Bretaña, ata a súa unión con Francia (1524). Grazas á súa situación, desde o s XV adquiriu importancia comercial e o apoxeo do porto estivo ligada á explotación de América. Na metade do s XVIII foi a cidade dos negreiros, e este comercio condicionaba a fabricación de téxtiles, augardentes e a elaboración dos produtos que o réxime de exclusividade reservaba á metrópole e que se vendían ao Estado francés ou eran reexportados. Esta prosperidade levou ao ennobrecemento das familias de comerciantes. Do seu patrimonio cultural destaca, no barrio antigo, a catedral gótica de Saint-Pierre (ss XV-XIX), e o castelo ducal, cun patio renacentista (s XV).