Nápoles, Reino de
Antigo reino de Italia, que comprendía toda Italia do sur e Sicilia. Conquistada Nápoles con Roxelio II de Sicilia en 1139, non chegou a ser parte do reino, que pasou ao imperio por medio do seu neto, o Emperador Federico II. O seu fillo Manfredo I de Sicilia usurpou o trono siciliano en 1258, pero foi derrotado por Carlos I de Nápoles en 1266, quen perdeu Sicilia en 1282, conquistada pola Coroa de Aragón, e os anxevinos quedaron reducidos ao Reino de Nápoles. Adquirido por Afonso V de Aragón o Magnánimo tras unha longa guerra (1435-1442), quedou unido baixo o seu goberno. En 1494 Carlos VIII de Francia, herdeiro dos dereitos dos Anjou, preparou a expedición a Italia, que arruinou a dinastía aragonesa de Nápoles e coa que comezaron as Guerras de Italia. Sucedeuno o seu fillo, Afonso II de Nápoles, quen se uniu co papa e con Florencia, pero que abdicou en 1495 en favor do seu fillo Fernando II de Nápoles (1495-1496). Este tivo que fuxir dos franceses en 1495, xa que aquel mesmo ano foi reposto polo Gran Capitán. A intervención de Fernando II de Aragón o Católico non foi, non obstante, en beneficio da dinastía napolitana. O sucesor de Fernando foi deposto en 1501 por Francia e Aragón e o rei católico proclamouse rei de Nápoles en 1503, despois da expulsión dos franceses. Vinculado desde 1504 á Coroa de Aragón, os seus negocios pasaron á xurisdición do Consello de Aragón. En 1555 creouse o Consello de Italia e os negocios quedaron vinculados definitivamente a el. Este reino destacou pola súa función de avituallamento de trigo da coroa aragonesa e como centro de operacións na ofensiva imperial contra os turcos. En poder de Filipe V, foi conquistado por Carlos VI de Nápoles en 1707 e en 1734, xunto con Sicilia, por Carlos III o Político, que chegou a ser Carlos VII de Nápoles. O seu fillo, Fernando IV de Nápoles, participou nas dúas primeiras coalicións contra Francia, que ocupou o reino. Recuperado o trono, Napoleón invadiuno e deulle a coroa ao seu irmán, Xosé I Bonaparte (1806-1808), que foi sucedido polo mariscal Joachim Murat (Xoaquín I, 1808-1815). En 1816 Nápoles e Sicilia foron restituídas a Fernando IV de Nápoles como Reino das Dúas Sicilias. Os seus sucesores enfrontáronse a diversas revoltas liberais ata que o reino se integrou no de Italia en 1860.