Narbona
Cidade de Languedoc-Rosellón, Occitania, no departamento de Aude, Francia (45.849 h [1990]). Situada na chaira vinícola do baixo Languedoc, a 12 km do Mediterráneo, é un dos nós de comunicación viaria e de ferrocarril máis importantes. A súa economía baséase na viticultura, no comercio de viños e na central atómica de Malvesi. Fundada polos romanos no ano 108 a C, foi un porto dependente da cidadela de Montlaurés e despois rival de Marsella. A partir do ano 27 a C converteuse en capital da provincia senatorial narbonesa, e máis tarde, en 297, da Prima Narbonensis. Conquistárona os visigodos en 462 e formou parte do seu reino, ata que foi tomada polos mouros en 719. En 759 pasou a poder dos francos e o goberno pasou a un vizconde e a un arcebispo, que tomou o título de primado de Occitania e presidiu os estados de Languedoc desde o s XIII ata o momento da súa supresión en 1790. Participou nas loitas dos condes de Tolosa e nas dos condes reis de Aragón. A cruzada contra os albixenses (1209-1229) marcou o inicio da súa decadencia: caeu baixo a dominación francesa e sufriu a redución de poderes do seu consulado. Coa Guerra dos Cen Anos acentuouse aínda máis a decadencia. Incorporouse de novo á coroa francesa e converteuse nun centro cerealista e téxtil a finais da segunda metade do s XIX, época en que adquiriu un certo desenvolvemento tras o establecemento do monocultivo da vide. En 1907 foi o centro da rebelión dos viñateiros de Languedoc e a comezos do s XX, a escasa industrialización e a crise da viña provocaron unha situación de elevado desemprego. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral de Saint Just, de estilo gótico (obra inacabada dos ss XIII-XIV), o Palais des Archevêques (ambos os dous con frescos do s XIII) e os vestixios paleocristiáns da basílica de Saint-Paul-Serge.