natureza

natureza

(

    1. s f [FILOS]

      Conxunto da realidade tal como é independentemente da intervención e a acción humanas. Neste sentido, a natureza contraponse tanto á técnica como á arte e á cultura.

    2. s f

      Conxunto dos campos, os bosques e montañas, o mar, os ríos e lagos, a vexetación e a fauna, en oposición á cidade e á civilización.

    3. natureza morta [ARTE]

      Xénero pictórico que ten como tema exclusivo obxectos inanimados de diversa índole como froita, flores ou obxectos. Como xénero autónomo, a súa orixe sitúase no gótico tardío e nos inicios do Renacemento. Comezou a adquirir importancia na segunda metade do s XVI e sobre todo no s XVII con autores como F. Zurbarán, D. Velázquez, Caravaggio, P. Rubens e Rembrandt. Foi cultivado tamén no s XVIII, no XIX con F. Goya, V. van Gogh e P. Cézanne e no s XX polo cubismo, o surrealismo e o hiperrealismo, entre outras vangardas e posvangardas.

    4. reinos da natureza

      Coxunto dos tres ámbitos ou das tres maneiras de ser da realidade natural: o mineral, o vexetal e o animal.

    1. s f

      Esencia ou atributos propios dun ser.

      Sinónimos: natura.
    2. s f

      Maneira de ser.

    3. s f

      Conxunto de condicións físicas e morais do home.

    4. s f [FILOS]

      Principio constitutivo dunha cousa e no que consiste o fondo dun ser. Equivale á esencia, entendida en sentido físico. Segundo Platón, hai que diferenciar o que é por natura e o que é por convención, é dicir, aquilo que é determinado segundo un propósito humano.

    5. s f [BIOL]

      Instinto ou tendencia natural dos animais.

    6. doutrina das dúas naturezas [RELIX]

      Doutrina cristolóxica, oposta ao monofisismo, segundo a que na única persoa de Xesús Cristo subsisten íntegras a natureza divina, propia do Fillo de Deus, e a humana. Proclamouse no Concilio de Calcedonia (451).

    7. natureza humana [FILOS]

      Conxunto de características que se consideran como permanentes e comúns a todo ser humano, independentemente de toda diferenza histórica, étnica e social e prescindindo incluso do feito de poder ser, ou non, realmente desenvolvidas todas elas e de maneira íntegra. Este concepto púxose en dúbida polo feito de que se considera ao home como único ser en que a natureza é inseparable do medio socio-histórico e do desenvolvemento e evolución da especie e incluso do sentido que libremente queira doar á súa existencia, pero parece que é imprescindible para unha convivencia e estruturación humana da sociedade.

    1. s f [FILOS]

      Conxunto da realidade existente, entendido como unha unidade e dotado de leis propias e, en ocasións, oposta ao que se chamou sobrenatural e transcendente. A contraposición entre a natureza e o divino non tiña sentido no mundo grego, onde nunca foi coñecido o concepto de creación, pero incluso no pensamento cristián os conceptos de creador (natura naturans) e do mundo creado (natura naturata) entendíanse nun sentido panteísta. Esta concepción tamén se deu en certos filósofos árabes medievais, e modernamente en Spinoza.

    2. mundo da natureza [FILOS]

      Rexión do ser na filosofía kantiana que, en contraposición co mundo da liberdade ou da razón práctica, se caracteriza por determinacións espazo-temporais e por categorías, como a de causalidade, e en que impera a necesidade.

    3. natureza pura [RELIX]

      Conxunto da realidade creada, considerada abstracción do destino sobrenatural, da que foi artífice Deus. É un concepto límite que pode expresar a irredutibilidade entre a orde da creación (ou do ser) e a orde salvífica (ou da graza) e a peculiar gratuidade que este segundo elemento comporta en relación co primeiro.

  1. s f [DER]

    Feito de ser dun país ou unha nación determinados.