Nautilus
Xénero de moluscos cefalódopos, da familia dos nautílidos, que teñen unha cuncha externa, enroscada sobre o dorso, da que só son visibles as dúas últimas espiras, que cobren as máis internas; a última cámara é a que alberga o animal. Presenta unha gran cantidade de tentáculos sen ventosas, moi poucos contráctiles, e un par de ollos grandes, situados no extremo duns curtos pedúnculos. A natación débese á contracción do sifón e á retracción do corpo, de tal xeito que emite un chorro de propulsión. Son epibentónicos e móbiles. Está activo de noite e repousa de día, en posición vertical, coa cuncha cara a arriba. Aliméntase de crustáceos e pode atoparse en augas frías desde a superficie ata uns 600 m de profundidade, no O dos océanos Pacífico e Índico. As especies presentes na actualidade son N. pompilius, N. belauensis, N. macromphalus e N. stenomphalus, que son coñecidas comunmente baixo o nome de náutilos.