Navarro García Vinuesa, Román

Navarro García Vinuesa, Román

Pintor. Militar de profesión, acadou o grao de tenente coronel de Húsares, comezou a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios da Coruña, da que foi profesor e director, e posteriormente na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Participou en diversas convocatorias da Exposición Nacional de Bellas Artes e en 1887 acadou unha mención honorífica por Un soldado de Cazadores herido y conducido en un caballo blanco por dos soldados de Caballería, uno montado y otro a pie. Ao ano seguinte acadou a medalla de ouro na Exposición Regional de Santiago de Compostela e unha mención honorífica na Exposición Universal de Barcelona. En 1894 obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña e viaxou a Roma e outras cidades europeas. Profesor de debuxo en Barcelona, en 1895 trasladouse definitivamente á Coruña onde permutou a súa praza con José Ruiz Blasco, pai de Picasso. Participou entón nas diversas exposicións rexionais e ao redor de 1916 solicitou o retiro militar e continou a pintar retratos e escenas militares e folclóricas. A súa obra caracterizouse polo emprego dun debuxo rigoroso e as cores quentes, polo interese polo movemento e polo realismo dos retratos. Das súas obras castrenses destacan Lanceros de la Reina, Marchando (1896) e Maniobras (1896). Realizou numerosos retratos, entre outros, Alfonso XIII, La Regente María Cristina, La Reina Doña Victoria Eugenia, El cardenal Payá, Julio Wais Sanmartín, Eugenio Montero Ríos e Juan Fernández Latorre. A súa obra atópase, entre outras coleccións, no Museo Provincial de Belas Artes da Coruña, na Deputación da Coruña, no Palacio Real de Madrid e no Museo del Ejército.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso