Nazca, cultura
Cultura precolombiana que se desenvolveu na rexión costeira do S de Perú desde 300 a C a 1000, no val do río Nazca. Os depósitos desta cultura están no interior, nunha rexión desértica e desolada. Non se coñecen cidades nin centros relixiosos do pobo que a creou. Todos os materiais coñecidos proceden das tumbas, que consisten en pozos profundos e verticais que van parar a cámaras onde están as momias envolvidas con mantos, ponchos e outras pezas de roupa, e xoias de ouro, prata e cobre. Pertencen a esta cultura dúas estrañas realizacións. Por unha parte, existe un monumento chamado La estaquería, formado por longas fileiras de troncos de árbores cravados na terra, de finalidade descoñecida. E pola outra parte, hai un conxunto de figuras e de liñas monumentais (feitas sobre a terra) que, vistas desde o aire, forman figuras de animais ou debuxos xeométricos.