neoclasicismo
(< neo- + clasicismo)
-
s
m
[ARTE/LIT]
Movemento estético de base intelectual orixinado polo desgaste das fórmulas do Barroco final, ou o esgotamento da súa capacidade creadora na segunda metade do s XVIII. Influíron na súa aparición as descubertas arqueolóxicas en Pompeia e Herculano, as aplicacións das doutrinas académicas e a difusión de novas tendencias políticas opostas ao principio monárquico tradicional. Foi un movemento de curta duración que se estendeu por toda Europa e chegou a América. Teóricos como J. J. Winckelmann e A. C. Quatremère de Quincy, pintores como A. R. Mengs e J.-L. David, escultores como A. Canova e B. Thorvaldsen, e arquitectos como Ch. Percier, P.-F.-L. Fontaine e K. F. Schinkel, activos nos derradeiros anos do s XVIII e o primeiro cuarto do s XIX, son os representantes máis destacados desta tendencia. As súas obras amosan o predominio das formas e os temas derivados do clasicismo helénico e a preferencia pola liña e o debuxo sobre a cor. Na Península Ibérica sobresaíron o arquitecto Juan de Villanueva e o escultor Álvarez Cubero. O neoclasicismo literario adquiriu en Francia un gran pulo e confundiuse co movemento crítico e racionalista que conduciu á Enciclopédie. Os homes do século das luces séntense defensores da razón, e esta condúceos a unha crítica total e a un relativismo puro. Fontenelle e Bayle sinalaron o camiño, pero foi sobre todo o barón de Montesquieu quen iniciou este relativismo. Este movemento caracterizouse pola crítica, o racionalismo, a ilustración e a revaloración de antigas obras. En Alemaña destacou o Aufklärung, onde sobresaíu Gotthold Ephraim Lessing. O neoclasicismo é o precursor do romantismo na medida en que establece a primacía da realidade e o valor da crítica. Nas obras de André Marie Chénier, de Pierre-Augustin Caron Beaumaurchais, de L. Fernández de Moratín ou de Jovellanos, a rebeldía xa está presente. En España, á vez que se crearon institucións do estilo da Biblioteca Nacional (1712) e da Academia de la Lengua (1714), triunfou a Poética (1737) de Ignacio de Luzán, as fábulas moralizadoras de Samaniego e Iriarte, a prosa literaria de José Cadalso, e a poesía de Meléndez Valdés.
O neoclasicismo en Galicia
En Galicia, como no resto de España, os cambios experimentáronse a raíz da subida ao trono de Filipe V (1700-1746) e da chegada de arquitectos estranxeiros. O máis destacable da obra neoclásica foi o urbanismo, concibido como orde nas cidades para acadar a confortabilidade; destaca a urbanización de Ferrol coa construción do Arsenal e do barrio da Magdalena. Dos estudosos galegos sobresaíron B. X. Feijoo, que tratou a nova orde arquitectónica en Razón del gusto e El no sé qué, recollidas no tomo IV de Teatro crítico. Tamén o escultor Filipe de Castro teorizou sobre o movemento nunha Dedicatoria a José de Carvajal y Lancaster, como tamén o fixo Melchor Prado y Mariño en Disertación científica [...] en la cual se manifiesta la calidad del edificio o biblioteca, y el porqué de las partes arquitectónicas que la forman y decoran, obra en que expuxo que o carácter de todo edificio queda determinado polo uso para o que foi concibido. A primeira construción neoclásica foi a remodelación da fachada da Acibechería da catedral de Santiago de Compostela, iniciada por Lucas Ferro Caaveiro e rematada por Domingos Lois Monteagudo. Outras obras neoclásicas da cidade compostelá son a igrexa de San Bieito do Campo, de Melchor de Prado y Mariño, e a capela das Ánimas, de Miguel Ferro Caaveiro. Na Coruña destaca a casa de Cornide e a Real Audiencia; en Betanzos, o Arquivo Xeral de Galicia; en Lugo, a fachada da catedral; en Pontevedra, a igrexa da Peregrina, onde se conxugou o neoclasicismo con elementos aínda barrocos; e en Vigo, a concatedral de Santa María. Na escultura destacaron Xosé Ferreiro, Filipe de Castro e Antonio Fernández o Vello; e na pintura, Manuel Arias Varela, Manuel Landeira Bolaño, José Terán e Gregorio Ferro Requeijo. -
s
m
[ARQUIT]
Corrente arquitectónica do s XX representada no comezo por P. Behrens, A. Loos e L. Mies van der Rohe, formados aínda na normativa neoclásica que utilizaron nas súas primeiras obras. Despois abandonaron o repertorio formal clásico, pero continuaron coa mesma orde e disciplina compositivas. Philip Johnson, desde 1949, e Louis Kahn favoreceron o uso de elementos neoclasicistas na arquitectura estadounidense.
-
s
m
[MÚS]
Movemento musical desenvolvido entre 1918 e 1939. Consistiu nun retorno á denominada música barroca e clásica, e unha reacción ao subxectivismo posromántico. Destacan a volta de formas como a suite, o concerto grosso, a tocata e o ricercare. Os músicos máis notables adscritos a este movemento nalgunha etapa da súa creación son B. Bartok, M. Ravel, A. Honegger e I. F. Stravinskij.