Nerón
Emperador de Roma (54-68), fillo de Cneo Domicio Ahenobarbo e de Agripina. O seu nome orixinal era Lucio Domicio Ahenobarbo, ata que o Emperador Claudio, o adoptou e tomou o nome de Nerón Claudio César Druso Xermánico. Casado con Octavia, filla de Claudio, ao morrer este foi proclamado emperador (54) polos pretorianos. Entón fixo matar ao fillo de Claudio, Británico, desterrou á súa muller Agripina, e entregouse a unha vida de pracer, libertinaxe e crueldade. Cultivou apaixonadamente a música e a poesía, aumentou o fasto da corte e, nunha tentativa megalomaníaca de helenizar Roma, instituíu xogos e construíu suntuosas residencias, trazou unha nova urbanización da cidade e fixo diversos monumentos. Repudiou a Octavia, fíxoa matar e contraeu segundas nupcias con Popea, a quen tamén matou. Pola súa política fíxose odioso á oposición, á clase adiñeirada e tamén ao pobo. Este odio incrementouse cando, a pouco da reforma urbanística feita na cidade, fixo incendiar a Suburra e contemplou a súa destrución desde unha torre, cantando o incendio de Roma. Refuxiado na vila do seu liberto Faón, fíxose matar polo liberto Epafrodito. Home tráxico, a súa figura e a súa actuación foron moi maltratadas polas fontes históricas. Non obstante, houbo algúns intentos de reivindicar a súa política, elevando o incendio de Roma á categoría de mito e proclamando a destrución accidental só dalgúns arrabaldes.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Anzio