Nestlé SA
Empresa suíza, pioneira no sector das industrias alimentarias, con domicilio en Vevey. Formada como consecuencia da fusión en 1905 da Anglo Swiss, Condensed Milk Co (fundada en 1868) e a Henry Nestlé SA (fundada o mesmo ano), tomou a denominación actual en 1977. Dedicada inicialmente á produción de leite condensado e fariñas lácteas, ampliou a súa actividade coa compra doutras empresas do mesmo sector: Peter Cailler-Chocolates Suisses (1929), Maggi (1947), Findus Internacional (1962, alimentos conxelados), Libby (1970, zumes de froita), Buitoni-Perugina (1988, pastas), Source Perrier (1992, auga embotellada) e doutros como Alcon Laboratoires (produtos farmacéuticos) e l’Oréal (produtos cosméticos). Comercializa tamén alimentos infantís e xeados. En 1905 instalouse a primeira fábrica en España, en La Penilla (Cantabria). Conta cunha planta en Pontecesures.