Nestoriana, Igrexa
Igrexa cristiá oriental formada polos cristiáns do antigo Imperio Parto-sasánida. Coñecida tamén como Igrexa Asiria, Sirio-oriental ou Caldea, a evanxelización partiu de Edessa, e iniciouse antes da caída do Imperio Parto (226). Un sínodo convocado en Seleucia (410) constituíu un catolicosado, que en 424 se converteu practicamente en autónomo. En 486 esta igrexa aceptou o nestorianismo. No s XIII, e baixo a protección de Khublai Khan, fundador da dinastía Yuan, chegou a ter bispos e comunidades en moitas cidades chinesas, que desapareceron coa chegada da dinastía Ming (1368-1644). Chegou tamén, xa desde o s IV, á costa de Malabar (India). En 1552, das comunidades nestorianas do Oriente Medio, xurdiu o grupo unido en Roma que se coñeceu co nome de Igrexa Caldea. Organizada xerarquicamente, en 1830 erixiuse o patriarcado católico de Babilonia dos caldeos.