New Orleans
Cidade do Estado de Louisiana, EE UU (484.674 h [2000]). Situada no delta do Mississippi, esténdese pola ribeira esquerda do río ata o lago Ponchartrain, no interior. É unha cidade moderna e ten no centro o orixinario establecemento francés Vieux Carré. Convertida nun gran centro comercial e núcleo industrial, posúe un dos portos máis importantes de EE UU, en que destaca o gran mercado de algodón. Fundada en 1717-1718 pola Compañía de Occidente de John Law, recibiu o nome na honra do duque de Orléans, rexedor de Francia. Converteuse en capital de Louisiana, pero en 1763 foi cedida aos españois e en 1803 vendeuse a EE UU. Desenvolveuse pouco, ata que, ao comezo do s XIX, a afluencia de emigrantes alemáns e de comerciantes norteamericanos lle deu un grande impulso e centralizou o comercio de Mississippi e dunha gran parte dos estados do Sur. No s XX desenvolveu unha potente economía industrial. Está considerada o berce do jazz.