New York
Estado do NL de EE UU, fronteirizo con Canadá e situado entre o Océano Atlántico ao L e os lagos Erie e Ontario ao O (127.190 km2; 18.976.457 h [2000]). A súa capital é Albany. Esténdese sobre dúas chairas divididas pola depresión do Hudson-Mohawk, no N atópase o macizo de Adirondack (1.629 m no monte Marcy) e no S a prolongación da chaira apalachense, coas montañas Castkill. O clima é frío e húmido. O río máis importante é o Hudson, co seu afluente, o Mohawk. A poboación, que se agrupa preferentemente no val do Hudson e na ribeira do lago Ontario, é principalmente urbana (85%), e o 70% do total atópase nas áreas de Nova York, Albany e Buffalo. Destacan as numerosas explotacións agropecuarias, cunha importante obtención de produtos lácteos. Os cultivos máis importantes son as froitas (mazás), verduras, patacas e trigo. Posúe depósitos petrolíferos e de gas natural. As industrias máis importantes son a alimentaria, a téxtil, a de confección, a de maquinaria eléctrica, a de cemento e a de artes gráficas. Habitado por indios iroqueses, as súas costas foron exploradas por Giovanni da Verrazzano (1524) e por Henry Hudson (1609). En 1688 pasou a formar parte da colonia de Nova Inglaterra e en 1691 converteuse en provincia real, despois de sufocar unha revolta, dirixida por Jacob Leisler. Durante o s XVIII os colonos ingleses, axudados polos iroqueses, enfrontáronse cos franceses de Canadá, que foron vencidos en 1763, ano en que rematou a Guerra dos Sete Anos. En 1775 uniuse aos independentistas. Desde o s XX o Estado de New York amosou un dos crecementos demográficos e económicos máis grandes e rápidos do mundo.