Newton, Isaac

Newton, Isaac

Físico, matemático e astrónomo inglés. Fillo póstumo dun pequeno terratenente, foi alumno da escola de Grantham e máis tarde do Trinity College de Cambridge, onde se graduou en 1665. Durante os dous anos seguintes, mentres a Universidade de Cambridge estaba pechada pola peste, comezou a reflexionar sobre o método matemático das fluxións, as teorías sobre a natureza da luz e das cores e a gravitación universal. Foi nomeado fellow de Cambridge e en 1667 profesor de matemáticas. En 1672 foi nomeado membro da Royal Society de Londres, da que posteriormente sería presidente (1703-1727) e, en 1696 nomeárono gardián da Casa da Moeda de Londres (1696), da que tamén foi director. Considerado o pai da física clásica, da astronomía moderna, da óptica e un dos pais das matemáticas, quixo demostrar que todo o Universo funciona segundo unha lei natural -a da gravitación- que non require ningunha aplicación continua de forza. Definiu os conceptos de masa ou cantidade de materia, cantidade de movemento, forza (vis insita, vis impressa) e o tempo e espazo absolutos, e expuxo tres leis do movemento. A súa explicación do Universo representa a culminación do proceso revolucionario iniciado por Copérnico contra a astronomía clásica e medieval. A partir de Galileo e Kepler, deu unha explicación coherente e verosímil da mecánica celeste que, ata as ideas de Einstein, foi considerada unha construción científica acabada e perfecta, indiscutible e definitiva. Elaborou a teoría das cores e tamén da natureza da luz, discutida desde o comezo. Como matemático, ideou o cálculo infinitesimal (ao mesmo tempo que Leibniz), estudou, dentro da xeometría, as curvas cúbicas e, dentro da álxebra, a teoría xeral das ecuacións. Tamén expuxo o teorema do binomio que leva o seu nome e inventou o telescopio de reflexión. Das súas obras destacan Philosophiae naturalis principia mathematica (1687), Opticks (1704) e Arithmetica universalis (1707). Recibiu o título de sir en 1705.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Woolsthorpe, Lincolnshire

  • Deceso

    Lugar : Kensington, Middkesex