Nicaragua
República de América Central situada entre Honduras, ao N, Costa Rica, ao S, e bañada polo Mar Caribe, ao L, e polo Océano Pacífico, ao O (131.812 km2; 5.208.000 h [estim 2001]). A súa capital é Managua.
Xeografía física
O país está dividido por unha depresión en partes ben diferenciadas: a depresión en si, que inclúe a rexión lacustre das concas de Managua e de Nicaragua; a vertente do Pacífico, composta por unha estreita faixa ao O da depresión, constituída en parte por terras baixas e chás favorables para a agricultura e onde se concentra máis da metade da poboación; e a área de volcáns ao N da rexión anterior, con algúns volcáns activos, como o Cosigüina ou o Momotombo. No L da depresión esténdese o escudo central, meseta de rochas volcánicas, profundamente atravesada por numerosos ríos que desembocan no Mar Caribe (Coco, Prinzapolka, Grande de Matapalpa e Siquia) e que formaron unha baixa chaira litoral (costa de Los Mosquitos). Esta rexión oriental agrupa só o 9% da poboación, por mor do clima tropical, cálido e moi húmido; unha densa capa forestal cobre unha boa parte do territorio. O clima no resto do país varía moito, desde as tierras calientes (por debaixo dos 600 m) ás tierras templadas (de 600 m a 1.800 m) e ás tierras frías (alturas superiores aos 1.800 m), e é moito máis seco ca na vertente do Pacífico. A vexetación é de tipo tropical e subtropical. Destacan as reservas biolóxicas de Río Indio Maíz e de Los Cayos Misquitos, e os parques nacionais de Archipiélago Zapatera, Saslaya e Volcán Hasaya.
Xeografía económica
A agricultura constitúe o principal recurso económico nacional, co cultivo de café, algodón, cana de azucre, bananas, cereais, tubérculos, fabas, oleaxinosos, cacao, hortalizas e algunhas froitas. Expórtanse algunhas madeiras, especialmente caoba, e algún outro produto, como o caucho. Está en expansión a gandaría, fundamentalmente o gando bovino. Os recursos minerais non son plenamente explotados e conta con reservas de ouro, prata, cobre, sal, cinc e volframio. Respecto á industria, moi atrasada, destaca o sector alimentario, seguido do químico, do tabaco, dos derivados do petróleo, dos téxtiles, do cemento, da construción, do curtido, do metal, da madeira, da construción naval e da refinaría de petróleo. O nivel económico é aínda propio dun grao acentuado de subdesenvolvemento. O aeroporto principal sitúase en Managua e os portos máis importantes son Pacífico, Corinto, San Juan del Sur, Sandino e El Bluff. A balanza comercial é claramente deficitaria e caracterízase pola importación do petróleo e derivados, produtos manufacturados, maquinaria, automóbiles, produtos químicos e cereais, e a exportación de produtos agrícolas de pesca e plásticos. Importa de México, EE UU, Costa Rica e Guatemala, e exporta EE UU, Alemaña e Xapón. A balanza de servizos tamén é desfavorable. A reforma agraria pasou por diversas etapas.
Xeografía humana
Nicaragua é a república centroamericana coa poboación relativa máis baixa, pero cun incremento demográfico elevado grazas fundamentalmente á alta taxa de natalidade (18,6‰), cunha distribución da poboación moi desigual. O 56,1% (2000) da poboación é urbana.
Sociedade e goberno
Goberno e política
Antiga colonia española, independizouse o 15 de setembro de 1821. Segundo a Constitución de 9 de xaneiro de 1987, modificada en 1995, é unha república democrática, representativa e presidencialista. O presidente da república exerce o poder executivo e é elixido por sufraxio universal para un período de 6 anos. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral denominado Asamblea Nacional formado por 93 membros. O sistema xudicial baséase no dereito europeo continental, non está en vigor a pena de morte e conta cunha Corte Suprema, onde os xuíces son elixidos pola Asamblea Nacional. As principais forzas políticas son os conservadores Partido Liberal Constitucionalista (PLC) e Partido Conservador de Nicaragua (PCN), e o de extrema esquerda Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: ONU e Organización dos Estados Americanos (OEA).
Diversidade étnica e cultural
A poboación de Nicaragua está composta por un 69% de mestizos, un 17% de brancos, un 9% de negros e un 5% de amerindios. O 73% da poboación é católica e o 16,6% protestante, mentres que as demais filiacións relixiosas representan o 10,4% restante. A educación é gratuíta e obrigatoria ata secundaria. O idioma oficial é o castelán.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 106º posto, cun índice de 0,635). Este indicador desagregado, ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e de 70 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 66,8% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 65% e o PNB por habitante é de 410 $.
Historia
Da época precolombina á independencia
Durante a época precolombina, o territorio de Nicaragua estivo poboado polos chibchas (ao S), os maribios (na zona central), os nicaraos e os chorotegas (ao N). En 1502 Cristovo Colón descubriu a costa atlántica e Francisco Hernández de Córdoba fundou as cidades de Granada e León (1524), cunha poboación formada por tribos indias, mestizos, mulatos e algúns peninsulares. Dependente de Panamá (desde 1539) e de Guatemala (1570-1821), entre 1687 e 1786 Reino Unido estableceu na costa atlántica un protectorado de nome costa de Los Mosquitos. Despois do primeiro intento separatista en 1811, Nicaragua foi declarada independente xunto con Guatemala (1821). Entre 1822-1823 formou parte do Imperio Mexicano e en 1838 estableceu o seu propio goberno, que sufriu varias escisións que desembocaron nunha guerra civil entre os liberais de León e os conservadores de Granada. O descubrimento de ouro en California, a construción do canal de Panamá e o seu potencial como produtor de froita, converteron o país nun importante atractivo para os intereses estadounidenses, que se negaron a recoñecer a José Madiz como presidente (1909) e invadiron Nicaragua durante a guerra civil de 1912.
A resistencia contra a ocupación estadounidense
Xurdiu entón unha activa oposición demócrata-liberal e nacionalista, dirixida polo xeneral José Moncada e, sobre todo, por Augusto César Sandino. En 1933 Juan B. Sacasa accedeu á presidencia e as forzas de EE UU retiráronse, pero en 1936 o xeneral Anastasio Somoza, cabeza da Guardia Nacional creada por EE UU e represor da guerrilla de Sandino (asasinado en 1934), dirixiu un golpe de estado contra Sacasa e proclamouse presidente. Instaurou unha ditadura conservadora, oligárquica, familiar e proestadounidense. Asasinado en 1956, sucedéronlle os seus fillos Luis Somoza Debayle (1937-1963) e Anastasio Somoza Debayle (1967-1972 e 1974-1979), quen continuou protexendo os monopolios de EE UU, que o afirmaban no poder. A Segunda Guerra Mundial, a alza dos prezos do algodón, do azucre e do café, a continuada protección de EE UU, o descubrimento de minas de ouro e a expansión da mariña mercante reforzaron a oligarquía local e fixeron inútiles os esforzos da oposición democrática.
Da Revolución Sandinista á Contra nicaraguana
Desde 1974 a actividade guerrilleira aumentou progresivamente, de xeito que o réxime militar de Anastasio Somoza endureceu a represión. A organización guerrilleira máis destacada foi o Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), liderado por Daniel Ortega Saavedra. En 1979 o FSLN formou unha xunta de reconstrución nacional e provocou a fuxida de Somoza ao estranxeiro, onde morreu en 1980 nun atentado. Creouse entón un goberno de reconstrución nacional con predominio sandinista, aboliuse a constitución e nacionalizouse a banca e outros sectores da economía. Co aumento do poder do FSLN tamén aumentou o embargo estadounidense, que unido á demora das eleccións xerais, ás restricións nas actividades políticas e sindicais e a unha pronunciada censura, provocou tensións desde o sector privado e desde as igrexas católica e protestante. Iniciouse entón a loita contrarrevolucionaria -a Contra- conducida desde Honduras co apoio de EE UU. As eleccións de 1984 déronlle a maioría absoluta ao FSLN e Daniel Ortega foi elixido presidente. En 1987 adoptouse a primeira constitución sandinista. Mentres, a precaria situación dun país constantemente ameazado pola Contra, viuse agravada a finais de 1988 polo furacán Juana, que causou centenas de mortos.
A decadencia do sandinismo
En febreiro de 1990 a Unión Nacional Opositora (UNO), coalición de 14 partidos antisandinistas, gañou as eleccións e Violeta Barrios de Chamorro chegou á presidencia. Despois de ser votada a “immunidade perpetua” por Daniel Ortega, EE UU puxo fin ao embargo económico ao que tiña sometido o país. En agosto de 1991, diversos grupos de contras (coñecidos por recontras) rearmáronse e iniciaron unha loita de guerrillas contra o exército sandinista. O goberno de Chamorro non conseguiu a desmobilización total das recontras ata mediados de 1994, cando se asinou un acordo de paz. En 1995 os sandinistas sufriron unha escisión, ao formarse o Movemento de Renovación Sandinista, liderado por Sergio Ramírez. O contexto de crise económica viuse agravado cando Violeta Chamorro se negou a aprobar as reformas establecidas pola Asamblea Nacional, que limitaban os poderes da presidencia e a presentación de candidaturas. Finalmente, pactouse unha reforma parcial da constitución. As eleccións de 1996 déronlle a vitoria a Arnoldo Alemán, líder da nova Alianza Liberal. En 1998 o país foi asolado polo furacán Mitch, o que desencadeou unha importante crise política e social. Nas eleccións de 2001 a vitoria foi para o Partido Liberal Constitucionalista e Enrique Bolaños converteuse en presidente da República.