nodo

nodo

(< lat nodu ‘nó’)

  1. s m [ASTRON]

    Cada un dos dous puntos en que a órbita dun astro corta o plano da eclíptica. A liña que une estes dous puntos recibe o nome de liña dos nodos, e é a intersección do plano da órbita do astro co plano da eclíptica. O nodo polo que o astro atravesa a eclíptica no sentido S-N recibe o nome de nodo ascendente, e o nodo polo que o astro pasa no sentido N-S denomínase nodo descendente.

  2. s m [FÍS]

    Cada un dos puntos do medio en que se propaga unha onda estacionaria, en que a amplitude de vibración da onda é nula. A distancia entre dous nodos consecutivos é a metade da lonxitude de onda.

  3. s m [MAT]

    Punto dunha curva en que esta se interseca a si mesma e por onde, polo tanto, pode trazarse na curva máis dunha tanxente.