Nogueira, Xoán Antonio

Nogueira, Xoán Antonio

Arquitecto e escultor. As súas obras inscríbense no período de tránsito do Barroco ao neoclasicismo. Traballou co arquitecto Lucas Antonio Ferro Caaveiro e co seu fillo Miguel Ferro Caaveiro. Como entallador e escultor, realizou o retablo maior de Nosa Señora de San Vicente de Aguasantas (1761), en estilo barroco. Como arquitecto, traballou na capela da Comuñón da catedral de Santiago de Compostela e construíu a igrexa de San Xiao de Bastavales, obra que comezou en 1768 e abandonou en 1772 por falta de recursos económicos, chegando a facer a capela maior, a sancristía e o cruceiro coa súa cúpula.