Noia, comarca de
Comarca situada no extremo centro-occidental da Comunidade Autónoma de Galicia, no SO da provincia da Coruña. Limita ao N coas comarcas de Xallas (concello de Mazaricos) e A Barcala (concello de Negreira); ao S coa de Barbanza (concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo); ao O coa de Muros (concello de Muros), coa ría de Muros e Noia e co Océano Atlántico, e ao L coas de Santiago (concello de Brión) e O Sar (concello de Rois). Abrangue unha superficie de 325,1 km2en que acolle unha poboación de 36.628 h (2001), distribuídos entre os concellos de Lousame (93,6 km2; 4.077 h), Noia (37,2 km2; 14.217 h), Outes (99,7 km2; 8.202 h) e Porto do Son (94,6 km2; 10.132 h). Historicamente, a vila de Noia, cabeceira comarcal situada a 49° 46’ 42” de latitude N e 8° 53’ de lonxitude O, foi un importante centro urbano desde a Idade Media ao funcionar como porto de Santiago de Compostela antes da sedimentación do fondo da ría. Aínda que a súa influencia non alcanzaba toda a comarca actual, potenciouse por ser sede do partido xudicial. Na actualidade exerce claramente como núcleo reitor da comarca, tanto pola inercia do pasado como por ser o centro de mercado e contar con determinados servizos administrativos e privados. Tan só as áreas occidentais de Outes (vinculadas en maior medida a Muros) e o espazo meridional de Porto do Son, cara a Ribeira, escapan en certa medida á influencia da vila cabeceira.
Xeografía física
O relevo da comarca de Noia configúrase en dúas grandes unidades: as terras baixas que rodean as ribeiras da ría, ás que hai que engadir o esteiro do Tambre e as frontes montañosas da serra de Outes, polo N, e da serra do Barbanza, polo S, que se unen formando un anfiteatro montañoso en que se abre un val de orixe tectónica, onde se encaixa o Tambre antes de desembocar. A ría ofrece unha morfoloxía de desgarre en fractura que se alonga en dirección SO-NL, coa marxe dereita máis recortada ca a esquerda. Nas súas ribeiras son frecuentes os antigos niveis mariños, atópase en toda a costa comarcal un nivel achairado por debaixo dos 100 m de altitude, que está mellor conservado no fondo da ría, no límite entre Outes e Noia, e entre Noia e Xuño, en Porto do Son. Ao S de Outes a costa é bastante accidentada e en xeral baixa, e desenvólvense pequenos areais xunto a enseada do Engano, formada pola desembocadura do río Tambre, no fondo da ría. O tramo final deste curso de auga e o seu desaugue na ría son un espazo natural de excepcional valor ecolóxico incluído na Rede Natura 2000. Conta cunha gran variedade de ecosistemas que favorecen a existencia dunha ampla gama de especies de fauna e flora. Coa baixada da marea, no esteiro quedan ao descuberto amplos espazos de lodo intermareal cuberto de xunqueiras. Ademais existen dunas fixas e móbiles que favorecen a riqueza faunística da zona, en especial de aves limícolas. Na beira S da ría esténdese unha estreita chaira litoral que se incrementa cara ao S. No concello de Porto do Son son frecuentes as superficies de abrasión mariña e as antigas praias situadas a alturas máis elevadas ca as actuais, existindo materiais de sedimentación recente, terciarios e cuaternarios, na área das lagoas de Muro e Xuño que forman o extremo N do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. No sector costeiro que vai desde a vila de Noia ao límite co concello de Ribeira, a costa está recortada e conta con numerosos areais como Aguieira, Boa, Caveiro, Arnela, Area Longa, Esteiro, O Testal e Espiñeirido. O espazo costeiro e as estreitas superficies achairadas que o suceden vense rodeadas por vigorosos relevos que se erguen ás veces con fortísimas pendentes. Así, ao N aparece a serra de Outes, que enmarca ao concello dese nome; ten a súa liña de cumios en torno aos 500 m, xa que é o resto dunha antiga superficie de aplanamento terciaria situada a esa altitude (O Tremuzo, 525 m; Pedra Adrada, 518 m); por debaixo destes picos aparece unha nova penechaira (300-400 m de altitude) como paso intermedio coa chaira litoral. No límite L aparecen tamén unha serie de relevos situados arredor dos 500 m (Costoira, 532 m; Pena do Ferro, 529 m), que, máis cara ao S, en terras de Lousame van medrando en altura (Muralla, 674 m; Pedride, 604 m) segundo vai aparecendo a serra do Barbanza (Iroite, 685 m; Enxa, 540 m; Alto de Ceas, 654 m). Todos estes cordais montañosos que circundan a comarca están constituídos por materiais litolóxicos de cronoloxía cámbrica e precámbrica, moitos deles son horst graníticos erguidos por movementos tectónicos, xurdidos tras a fracturación do zócalo cristalino durante a oroxénese Alpina. Existen tamén algunhas áreas xistosas e de gneises alcalinos grosos e finos e granodioritas. Nas ladeiras destes sistemas orográficos aparecen significativas formas de erosión lineal debidas aos ríos, curtos e caudalosos no inverno, que circulan sobre liñas de fractura ao longo das que se encaixan profundamente. O clima inscríbese dentro do dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas correspóndese co do litoral das Rías Baixas. A orientación favorable da ría de Muros e Noia aos fluxos do SO favorece que penetre a humidade, de xeito que as precipitacións son elevadas nas terras baixas (1.400-1.500 mm), aínda que son moito máis abundantes conforme ascende a altitude (2.000-2.500 mm na serra de Outes e arredor dos 3.000 mm no cumio da serra do Barbanza). O réxime pluviométrico presenta un máximo invernal (37%) e un máximo secundario no outono (33%), descende na primavera (22%) e aparece unha seca estival notable (8%), que se traduce en problemas de aridez entre xullo e setembro. O promedio anual de xornadas de chuvia sitúase entre 140 e 150 días. A temperatura media anual é de 14°C, cun inverno moi suave por mor da influencia do océano, cunha mínima moi suave que se atrasa a febreiro (8°C) e unha máxima moi agradable (20,5°C en agosto). As noites frías e as xeadas son moi excepcionais nas terras situadas por debaixo dos 300 m. Na rede hidrográfica destaca o río Tambre que desemboca na ría de Muros e Noia pola enseada do Engano. O resto dos ríos son de curto percorrido e nacen nas serras circundantes e desembocan na ría salvando fortes pendentes. Destacan o Tines e o Bendimón en Outes o San Xusto en Lousame, o Pesqueira e o Tállara en Noia, e o Sieira en Porto do Son. A vexetación autóctona está moi modificada polo home, aínda que existen algúns exemplares illados de vexetación clímax que foi substituída por piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Noia tivo unha evolución similar á doutras áreas costeiras galegas ata 1981, mais, a partir desa data e ata a actualidade, mostra un retroceso que fai que sexa unha área excepcional dentro do notable crecemento xeral da poboación costeira das Rías Baixas. Así, desde 1887, ano do primeiro censo moderno e cando contou co seu mínimo demográfico, 31.881 h, non deixou de medrar o seu colectivo humano ata 1950 a un ritmo bastante uniforme, cun promedio anual de incremento de habitantes do 0,45%. A puxanza terciaria da vila de Noia e os bos recursos pesqueiros e marisqueiros fixeron que a emigración ao exterior, aínda que existiu, non acadase a notable cifra doutras áreas galegas, de xeito que o crecemento vexetativo logrou contrarrestar as saídas. Durante este período tan só Lousame descendeu moderadamente (-0,12% anual) a súa poboación no período intercensual 1900-1910, precisamente nun dos de maior forza da emigración ultramariña. A partir de 1950, unha vez que se abriron de novo as vías emigratorias tras a Guerra Civil Española e o bloqueo internacional da década de 1940, os habitantes da comarca de Noia emigraron especialmente a Europa, de xeito que ata 1970 descendeu o seu colectivo demográfico un -0,45% anual. A perda demográfica non foi maior porque a vila cabeceira estaba nese momento nun dos períodos de maior reforzamento das súas funcións terciarias, feito que lle supuxo un crecemento do 1,3% anual durante o mesmo período. Entre os censos de 1970 e 1981 recupérase a senda do crecemento, motivado polos retornos de emigrantes tras a crise internacional do petróleo de 1973, ao que se uniu a atracción do núcleo de Noia, que medrou de 1960 a 2001 a un ritmo do 2,35% anual. Este incremento demográfico da vila non logrou, en cambio, contrarrestar a tendencia ao declive demográfico comarcal que se viviu desde 1981 ata comezos do s XXI, cando se reduciu a poboación un -0,28% anual de 1950 a 1981; un -1,6% de 1981 a 1991; e un -0,05% de 1991 a 2001). Esta negativa tendencia demográfica tradúcese nunha estrutura por idades moi avellentada, pois o 21,84% da poboación ten 65 ou máis anos, fronte a un 18,28% de menores de 20 (só no concello de Noia os menores de 20 anos, 19,18%, superan aos de máis de 64 anos, 18,77%); e nunha estrutura por sexo en que dominan as mulleres (51,82%) sobre os varóns, froito da súa maior esperanza de vida e unha menor incidencia feminina nos procesos emigratorios. A caída poboacional contribúe ao elevado saldo vexetativo negativo, do -5,33‰ en 2001 (-2,49‰ en Noia; -9,8‰ en Lousame; -2,96‰ en Porto do Son; e -10,85‰ en Outes), derivado dunha natalidade moi baixa (6,36‰) e dunha mortalidade en ascenso (11,69‰) como consecuencia do elevado grao de senectude. Polo que respecta ao poboamento, os núcleos de poboación non se distribúen nin de xeito homoxéneo nin aleatoriamente. A maior parte deles atópanse situados preto da costa, a escasa altitude. A maioría da poboación vive por debaixo dos 100 m de altura sobre o nivel do mar. A área máis ocupada é a estreita franxa costeira anterior aos relevos que circundan a comarca; ademais dos vales dos principais ríos, con ocupación humana ao longo das súas vertentes, que inicialmente era en claros núcleos tradicionais para, posteriormente, pasar a estar desperdigada en construcións de variada tipoloxía xurdida ao longo das vías de comunicación. Podemos falar dunha acusada dispersión que na costa e nos vales se aprecia cunha tendencia á concentración das aldeas, que adquiren formas máis compactas por riba dos 300 m.
Xeografía económica
Aínda que existen notables contrastes económicos entre o concello do interior (Lousame) e os costeiros, Noia é unha das comarcas galegas con máis potencialidades para acadar un bo nivel de desenvolvemento. Proba diso é a gran diversificación da súa estrutura económica. A agricultura, gandaría e silvicultura teñen unha pequena significación no conxunto comarcal á hora de xerar emprego, o 5% dos ocupados en 2001 (é aínda moito mais pequena en Noia, 1,6%; mentres que Porto do Son está na media, 4,8%; e Outes e Lousame supérana, cun 8,3% e 11% respectivamente), aínda que como actividades a tempo parcial e complemento da economía familiar manteñen certa importancia. Tan só un 10% da superficie das explotacións agrícolas censadas está dedicada a cultivos e un 9% a pastos permanentes. A gandaría vacúa conta cunha importancia moderada, pois existen unhas 6.500 cabezas de gando estabulado (1999), e son Outes (3.000 reses) e Lousame (2.000 reses) os concellos cun maior armentío, que, non obstante, presenta escasos rendementos, pois o 52% das explotacións gandeiras vacúas só contan cunha ou dúas cabezas, mentres que as que teñen máis de 20 só son o 7%. Tamén existen reses de bovino e equino en réxime de semiliberdade na serra do Barbanza, onde se realiza unha popular rapa das bestas cada ano a comezos de agosto no Enxa. A pesca e o marisqueo, dado o carácter costeiro comarcal e a situación no fondo da ría de Muros e Noia, onde se sitúan bancos de area excepcionais para o cultivo da ameixa e, especialmente o berberecho, son actividades moi significativas (14,42%), especialmente nos concellos de Porto do Son (19,8%) que conta cunha significativa frota de baixura na vila, e de arrastreiros en Portosín e Noia (14,1%). Estas actividades, ademais, cobran maior protagonismo económico se atene á importancia que acada o transporte dos produtos que xeran, as empresas de fileteado e envasado de peixes (a maior delas en Portosín) e a reparación e construción de buques que conta con dúas significativas factorías no porto de Outes. A industria, pola súa banda, concentra o 15% dos ocupados, rendibilizando, en boa medida, os recursos endóxenos locais, como os xa nomeados derivados das actividades relacionadas co mar, a transformación da madeira con numerosos serradoiros en todos os concellos da comarca e a fábrica situada en Miñortos (Porto do Son) de caixas de madeira para peixe. Pola súa banda, a construción está influída pola atracción que esta área costeira exerce sobre Santiago de Compostela, xa que xurdiron toda unha serie de promocións inmobiliarias de segunda residencia nos concellos de Noia, Outes e, especialmente, Porto do Son, sobre todo nas inmediacións de Portosín, que conta cun porto deportivo que é un factor de atracción turística importante. Así, o 17,2% dos ocupados dedícanse a este sector económico, aínda que o seu peso é moito máis significativo en concellos como Lousame, onde supón o 27,5%, ou Outes, co 19,5%. O sector servizos é o predominante (48,1%), destaca especialmente no concello que conta coa vila cabeceira (58,21%), aínda que en todos é o predominante (Lousame, 34,8%; Porto do Son, 42,3%; Outes, 43,4%). Dentro das actividades terciarias domina claramente o comercio (14,42%), seguido do transporte (6,14%), a Administración Pública e seguridade (5,35%), a hostalaría (5,11%) e a educación (4,98%). A taxa de actividade ascendía en 2001 ao 43,6%, relativamente baixa debido a unha cativa inserción da muller no mercado laboral (29,8%) fronte á masculina (58,7%). O paro ascendía ese mesmo ano ao 9,8% dos activos, sendo maior o feminino (13,2%) ca o dos varóns (7,8%). As vías de comunicación principais son a C-550 Fisterra-Tui que discorre paralela á costa por todo o territorio comarcal e a C-543 de Noia a Santiago de Compostela.
Historia
A benignidade do clima e a abundancia de recursos supuxeron que a ocupación humana das terras da comarca de Noia se producise desde moi antigo. Atopáronse restos de diversos útiles de pedra de diferentes momentos do Paleolítico na cova da praia de Fonforrón (Noal), e na de Caamaño, ambas as dúas en Porto do Son, e outros dispersos na praia de Testal, en Noia. Do Megalitismo apareceron testemuños en numerosos puntos comarcais, especialmente destacado é o caso da anta de Argalo en Noia, onde se atoparon puntas de frecha, machados pulimentados e fragmentos de cerámica campaniforme. Outras estacións megalíticas destacadas son as mámoas de Cruceiro de Ramona, Montemuíño e Raña en Baroña (Porto do Son), as de Tállara (Lousame) ou as máis de trinta do concello de Outes onde destaca a de Boel na parroquia de Outes, escavada por Cuevillas, na que se atoparon dous puñais e restos humanos. O período do Bronce está representado polas numerosas estacións de gravados rupestres que existen, como a de Lesende en Lousame, en que se representan combinacións circulares, cazoletas e símbolos cadrados; ou a de Fontemoureira no Freixo de Sabardes en Outes, con gravados de círculos concéntricos. Tamén se descubriron en Porto do Son varias estacións rupestres con representacións zoomorfas, humanas, círculos concéntricos e unha rara representación do sol. Da cultura castrexa destacan numerosos exemplos, como os castros de San Lois, a Croa do Castro e Sobreviñas, en Noia; os de Coiradas, Diz, Valadares, Gosende, O Castelo, Mirás e Carleo, en Outes; os de Comparada, Servia, Coto do Castro, Lourido, castelo de San Mamede, castelo de Fruíme e Berrimes, en Lousame; e os de monte Taúme, As Pardiñas, Nadelas, Enxa e o de Punta do Castro ou de castro de Baroña, en Porto do Son, o máis destacado de toda a comarca que se sitúa nunha península rodeada de cantís e conserva todas as súas defensas. Os primeiros testemuños escritos sobre esta comarca proceden de fontes clásicas: Pomponio Mela fala da tribo dos praestamarcos que habitaban o val do Tambre, e Plinio, do oppidum de Noega, topónimo que moitos investigadores identifican coa actual vila de Noia. En Portosín apareceron restos romanos onde existía unha mansión que conservaba algúns mosaicos. En Porto do Son apareceu unha ara dedicada a Diana e unha lápida funeraria en Queiruga. Pola súa banda, sospéitase que pasaba por Outes unha vía romana secundaria, pero non se atoparon evidencias arqueolóxicas desta, aínda que si apareceron unha estela funeraria en Cando e unha ara en Banzas. No Concilio de Lugo de 569 fálase da comarca e das localidades de Noela e Novium. En 1168 Fernando II de León outorgou unha carta de poboación, en base á que xurdiu o actual núcleo capital xunto á desembocadura dos ríos Traba e San Francisco, dándolle o seu foro á mitra compostelá. O mosteiro de San Xusto de Toxos Outos (Lousame) fundárono en 1131 os cabaleiros Froila Alonso e Pedro Muñiz de Carnota, que decidiron deixar a vida militar e dedicarse á monacal. Consagrouno en 1135 o arcebispo compostelán Diego de Muros. Este cenobio pasou a depender de Sobrado en 1475 e tiña amplas posesións en toda a comarca, pero sobre todo en Outes e Lousame. En Outes tamén existiron dous mosteiros: o de Sabardes, no Freixo, que tivo as súas orixes no s XI, aínda que do conxunto monacal só se conserva a igrexa, moi reformada no s XVII e parte das edificacións que daban abrigo aos monxes, hoxe casa reitoral; e o de Santa Tasia en Rial, feminino, que se menciona nun documento de Toxos Outos en 1153. De época medieval son as pezas glípticas de Carballa, en Outes. Trátase de 150 insculturas, a maioría en forma de cruz, que cobren unha superficie rochosa de 25 m2. Pénsase que foron feitas por un eremita instalado nunha cova próxima ao conxunto no s V ou VI. A importancia comercial da vila de Noia, que actuaba como porto do señorío compostelán, está comprobada durante a Idade Media coa súa inclusión en varios atlas e portolanos do s XIV (Ortelio, Tamar Luxoro, Dulcert, Atlas Catalán de Cresques Abraham). Durante as Guerras Irmandiñas, Noia veu caer o seu castelo e murallas, circunstancia aproveitada polo conde de Monterrei para facerse con ela. A mesma revolta destruíu a fortaleza da Serra en Outes, da que só se conservan dúas paredes, unha delas cunha maxestuosa porta en arco de medio punto. En 1476 os Reis Católicos devolveron Noia ao arcebispo compostelán, pero Filipe II en 1585 vendeulla ao xenovés Baltasar de Lomelín. En 1636 volveu a mans da igrexa compostelá, que a someteu ata finais do Antigo Réxime. As terras de Porto do Son pertenceron ao señorío de Noia, e a través deste ao de Compostela ata 1812. No s XVIII instaláronse numerosos cataláns en varios lugares da costa desta comarca, principalmente en Porto do Son e Outes e crearon varias factorías de salgado de peixe, que tiveron un grande éxito económico e xeraron moito emprego. A crise da sardiña de comezos do s XX fixo que moitas delas desaparecesen. Coa división municipal de 1835 xurdiron os catro concellos que conforman a comarca.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan no ámbito da arquitectura relixiosa as igrexas románicas de San Pedro de Baroña, en Porto do Son, Santa Cristina de Barro, Santa María de Argalo e Santa Mariña do Obre, en Noia, e sobre todo o claustro do mosteiro de Toxos Outos do s XII, integrado no pazo de Pena de Ouro en Noia. Tamén destaca a igrexa gótica de Santa María a Nova de Noia (1327) que se construíu sobre unha primitiva igrexa románica. Do período renacentista é a igrexa de San Francisco de Noia (1522), da que destaca o claustro. Tamén pertence a este estilo a capela Valderrama (s XVI), situada no interior da igrexa de San Martiño de Noia. Da arquitectura civil destacan a fortaleza do Tapal, que era un recinto fortificado do s XIV, que no seu interior contaba co cárcere da mitra compostelá e co pazo dos Churruchaos; ou as casas góticas da Xouva, o pazo da Costa (1339), o pazo da Rúa do Forno do Rato e a casa do Rosa (s XIV). Do barroco non se conservan apenas restos na vila pola súa decadencia económica, pero si existen varios pazos rurais do s XVIII, como o de Bergondo, Argalo e a casa do Senra. Outros exemplos de pazos destacados están situados en Outes, como os pazos da Serra de Outes, de Añón en Boel e de Enxido en Cando, este último do s XX e atribuído a Antonio Palacios. En Porto do Son destaca o pazo de Nebra. Tamén hai que salientar as pontes de Traba, que conservan os seus arcos apuntados orixinais, e ponte Nafonso, entre Noia e Outes. Sobresaen tamén os cruceiros góticos de Noia, o do cemiterio e o do Tapal, ambos os dous profusamente decorados, e o baldaquino gótico de Santa María a Nova, de teito piramidal con columnas de base cadrada. Entre as festas que se celebran na comarca hai que destacar as de San Bertomeu e San Marcos en Noia, as do Carme en Porto do Son, as de San Roquiño en Lousame e as de San Pedro e San Campio en Outes.