nomenclátor
(
Documento en que se relacionan os nomes ou denominacións de todas e cada unha das agrupacións de poboación no espazo, clasificados segundo as súas características administrativas e a modalidade das súas construcións. Esta fonte concibiuse inicialmente como independente do censo, aínda que a comezos do s XX pasou a ser unha parte máis. A diferenza fundamental co censo é que este ten un carácter esencialmente demográfico, mentres que o nomenclátor é basicamente espacial ao referirse á distribución da poboación no territorio, determinando as entidades da poboación do concello, o número de edificios e albergues, en función do número de andares, e se están habitados ou non. O seu antecedente directo é o Censo de Floridablanca (1787), en que existían referencias á distribución da poboación española e ás características do seu poboamento. O primeiro nomenclátor moderno publicouse en 1858, froito do censo de 1857, e nel recollíanse 48.200 entidades de poboación, organizadas por provincias, partidos xudiciais e municipios. Definía o tipo de poboamento que se trataba en cada caso e daba o número de habitantes que posuía. Os seguintes nomenclátores incorporaron un maior volume de información, de xeito que no censo de 1860 se recollían 478.038 núcleos de poboación. Ao longo do s XIX tamén se levaron a cabo os nomenclátores correspondentes aos censos de 1877, moito máis completo ca os anteriores; 1887 (publicado en 1891), que incluía información sobre as posesións españolas no N de África; e 1897, aínda que este non chegou a publicarse. Co nomenclátor resultante do reconto censual de 1900 abriuse unha serie cun contido moito máis homoxéneo que continuou nos censos de 1910 (publicado en 1916), 1920 (1924), 1930 (1933), 1940 (1944), 1950 (1952), 1960 (1962), 1970 (1973), 1981 (1984) e 1991 (1993). Neles recollíanse unha descrición polo miúdo da distribución da poboación segundo a súa forma de hábitat no municipio e segundo o tipo de vivenda e aloxamento, incluían unha relación das estradas por provincias e dos camiños de ferro segundo o tipo de vía, e contaban coa superficie e densidade demográfica por km2. Ademais, incluíanse mapas de cada provincia española, coordenadas xeográficas e altitudes dos puntos de cada termo municipal; clasificacións dos edificios segundo o seu uso agrícola, industrial, relixioso, educativo, penitenciario e de vivenda habitual; cadros de distancias ás que se atopaba cada entidade da de escala administrativa inmediatamente superior; a división eclesiástica, militar, escolástica, marítima, administrativa e xudicial á que correspondía cada municipio e os seus principais datos meteorolóxicos. Tamén se adoitanban incluír as definicións dos conceptos que empregan para clasificar o poboamento, como a entidade singular de poboación, calquera parte habitable do municipio, habitada ou excepcionalmente deshabitada, claramente diferenciada del e que é coñecida por denominación específica; entidade colectiva de poboación, unidade intermedia, constituída por agrupación de entidades singulares, como parroquia, deputación, irmandade, anteigrexa ou concello; e núcleo de poboación, conxunto de polo menos 10 edificios que forman rúa ou praza e as edificacións illadas a menos de 200 m. A categoría ou clase en que se divide cada entidade refírese ao nome tradicional (cidade, vila, lugar, aldea) ou ben á recibida polos seus caracteres xenéricos (barrio, poboado, urbanización turística, mosteiro, colonia). O nome e a categoría están recollidos en todos os nomenclátores, pero a distancia, altitude e superficie non sempre son especificadas. A partir de 1996 estableceuse unha nova normativa sobre o Padrón de habitantes que obriga aos concellos a revisar unha vez ao ano a relación de entidades e núcleos de poboación, tendo que remitir as modificacións ao Instituto Nacional de Estadística, quen debe publicalas anualmente. Este novo sistema de revisión anual está dispoñible desde 2001 na páxina web deste organismo. A utilidade do nomenclátor é moi grande, especialmente no que se refire aos aspectos espaciais do poboamento. A súa fiabilidade é bastante elevada ao tratarse dun reconto sistemático que se vai depurando en cada nova revisión.