non-violencia
(
Actitude que rexeita empregar a violencia e devolver mal por mal sen renunciar ao uso da forza. Representa, ao mesmo tempo, un espírito de respecto e de amor ao próximo, un medio de transformacións radicais das sociedades e unha finalidade para as persoas, e devén unha teoría e unha praxe política que loita pola liberación da humanidade por medios alleos á violencia (desobediencia pasiva, manifestacións pacíficas ou folga de fame). A súa orixe procede da filosofía do Oriente antigo (Lao Tse, Confucio) e do cristianismo. A partir da Revolución Francesa e coas achegas de Henry David Thoreau, Mohandas K. Gandhi, Aldous Huxley, Martin L. King e Lanza del Vasto entre outros, adquiriu madureza filosófica e transformouse nunha ferramenta de loita sociopolítica.