noruegués -sa

noruegués -sa

(< topónimo Noruega)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Noruega, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Noruega.

  3. s m [LING]

    Lingua nórdica do phylum indoeuropeo que se fala en Noruega. Está dividida en dúas variedades: o bokmål (antes riksmål), falado polo 75% da poboación, e o nynorsk (antes landsmål), falado polo 25% restante. Son oficiais desde 1907. Esta duplicidade é froito dunha dobre corrente restauradora iniciada a comezos do s XIX, despois da separación de Dinamarca. O bokmål tomou por base a fala das zonas urbanas do SL e da clase dirixente. A obra depuradora fíxose coa integración progresiva de elementos locais e cun conxunto de reformas, cada vez máis intensas (1907, 1917, 1938) e cada vez máis encamiñadas a reducir as distancias respecto do nynorsk. Esta lingua, impulsada sobre todo cos traballos de Ivar Aasen, é o resultado dunha aspiración de reconstruír o antigo noruegués, a partir dos falares occidentais e centrais. As diferenzas básicas entre as dúas están nunha base ditongal no nynorsk e monotongal no bokmål, e unha formación diferente dos plurais neutros e dos imperfectos verbais.

  4. arte norueguesa [ARTE]

    Arte desenvolvida en Noruega. Consérvanse do período viquingo (800-1050) barcos e restos dalgún templo como o de Urnes, en Sogn. Coa cristianización penetrou o románico, presente na catedral de Drontheim, realizada no s XII e ampliada en estilo gótico no s XIII. As stavkirken, igrexas de madeira con elementos da tradición viquinga son mostras de arte orixinal do país. Destacan as de Gol, Fantoft e Borgund (1150?). Do s XIV ao XVIII, viviuse unha época de decadencia cultural, aínda que sobresaíu o escultor Anders Smith (s XVII). Durante o rexurdimento noruegués destacaron J. C. Dahl (1788-1857) e Christian Krogh (1852-1925). A viraxe cara á tradición autóctona representouna o pintor Gerhard Munthe (1849-1929). A gran xeración que situou ao país a escala internacional foi a de Eduard Munch (1863-1944) e do escultor Gustav Vigeland (1869-1943). O muralista Per Krohg (1889-1965) tamén obtivo renome en París. Erling Enger (1899-1990), recolleu a influencia fauvista, mentres que Ragnar Kraugerud (1909-1987) representou un expresionismo vigoroso, e Olav Strømme (1909-1978) avanzou en certa maneira ao informalismo matérico e á nova figuración.

  5. cine noruegués [IMAX]

    Cine desenvolvido en Noruega. Antes da Segunda Guerra Mundial os filmes noruegueses máis destacados foron dirixidos por realizadores daneses, como Carl Th. Dreyer e George Schennevoigt. Cando acabou a guerra filmáronse unha serie de películas inspiradas nas accións da resistencia contra os alemáns, das que destacan Vi vil leve (1946) de Olaf Degar, e Kampen om tungtvannet (1948) de Titus Vibe Müller. Durante a década de 1960 xurdiron autores como Pal Lökkeberg con Liv (Vivir, 1967), Knut Andersen e Anja Breien con Vokse opp (Medrar, 1967) ou Voldtekt-Til-fellet Anders (O caso Anders, 1970). As subvencións estatais e uns estritos controis de calidade caracterizaron o cine noruegués da década de 1980. Consolidáronse directoras como Vibekke Lokkeberg, con Lopperjenten (1982)  e Anja Breien, con Hustruer ti ar Etter (1985) e Hud (1987). Nestes últimos anos, a influencia da literatura no cine é cada vez maior. Da nova xeración de directores cómpre salientar Nils Gaup que, con Veivisiren (O guía do desfiladeiro, 1987), logrou o éxito en EE UU; Marius Holst, con Ti kniver i hjertet (Dez coitelos no corazón, 1994), o prolífico e laureado Erik Gustavson, realizador de Hører du ikke hva jeg sier! (Escoita o que che digo!, 1995) ou Sofies verden (O mundo de Sofía, 1999), e Bent Hamer, director de Salmer fra Kjskkenet (2003).

  6. literatura norueguesa [LIT]

    Literatura cultivada en noruegués. Nacida especificamente como tal no s XIX, inicialmente só se diferenza da produción islandesa primitiva pola súa orixe xeográfica, cos eddas (ou épica) e os escaldos (ou lírica). A Baixa Idade Media presenta un corpus notable en latín, tanto xurídico e litúrxico coma histórico. No s XIII apareceu Konungsskuggjá (‘O espello do rei’), de xénero histórico, e Draumkvxde (‘Balada do soño’), poema lírico e visionario. A comezos do s XIV iniciouse, ata o Éxodo, a tradución da Biblia. A unión con Dinamarca (1387) motivou que escribisen en danés notables figuras norueguesas dos ss XVII e XVIII, como P. Dass, L. Holberg e J. Wessel. A súa posterior separación permitiu o inicio dunha literatura nacional diferenciada en riksmål (bokmål ) e landsmål, unha distinción lingüística que non marca diferenzas nacionais nin temáticas ou estilísticas. J. Wergerland foi o precursor do romanticismo. No s XIX tivo lugar a gran produción da literatura norueguesa: a dramaturxia de H. J. Ibsen e B. Bjørnson, e a narrativa de A. Kielland e J. Lie. A mediados de século C. Collett propuxo a corrente realista de afirmación do individuo e do progreso social. O naturalismo domina a década de 1880 con A. Skram e H. Jaeger e, noutra fase da súa evolución, con Garborg. A finais de século impuxéronse as correntes neorrománticas e neorrealistas, de tendencias simbólica, como K. Hamsun, H. E. Kinck, G. Heiberg e S. Obstfelder, e o dramaturgo Henrik Ibsen chegou ao seu punto culminante coa súa obra. Dominaron o primeiro terzo do s XX S. Undset e O. Duun, ademais de H. Aanrud, Th. Krag, V. Krag, K. Uppdal e J. Falkberget. Durante a Primeira Guerra Mundial destacaron H. Wildenvey, O. Bull e T. Orjasxtter, e fixéronse sentir no período de entreguerras A. Øverland, S. Hoel, H. Krog e J. N. Grieg. Despois da Segunda Guerra Mundial, cómpre salientar S. Hoel, O. Bang-Hause, T. Vesaas, J. Borgen e A. Omre. Na década de 1960 apareceu a revista poética Profil, con novos autores como J. E. Vold e T. Obrestad, e, posteriormente, destacaron os novelistas K. Holt, T. Nedreaas e J. Bjorneboe, e os poetas K. Flogstadt e D. Solstadt. Na literatura feminista cómpre salientar Bjorg Vik. A finais do s XX xurdiron varios nomes importantes, algúns deles coñecidos a escala mundial, como os novelistas T. Stiegen, O. Winger, F. Thoresen, F. Alnaes, T.A. Bingsvaresen, F. Carling, K. Faldbakken, E. Hoem, H. Wassmo e Jostein Gaarder; e os poetas S. Stard, A. Hauge, H. Börli, G. Hofmo, K. Naess e K. Flögstard.

  7. música norueguesa [MÚS]

    Arte musical cultivada en Noruega. O canto plano foi introducido co cristianismo, cara ao ano 1000. O repertorio da igrexa reformada está contido no Salmebog (Libro dos salmos, 1569), de H. Thomisson, e o Gradual (1573), de N. Jespersen. A comezos do s XIX o interese pola música popular axudou ao rexurdimento musical. A maioría dos compositores deste século pertenceron ao movemento romántico vinculado a Alemaña, como Rikard Nordraak (1842-1866) e Edvard Grieg (1843-1907). Dos músicos posteriores destacaron J. Halvorsen (1864-1935) e C. Sinding (1856-1941). A partir de 1930 creceu o interese pola Noruega medieval, o que se converteu nunha tendencia na creación musical. Neste ámbito cómpre salientar D. M. Johansen (1888-1970) e Geirr Tveitt (1908-1981). Fartein Valen (1887-1952) foi o máximo expoñente da corrente internacionalista do período de entreguerras. Na década de 1960 chegou a música experimental e de vangarda, onde destacou Ande Nordheim (1931). O posmodernismo marcou a tendencia musical, como se pode comprobar nas obras de O. A. Thommessen (1946) ou M. Hegdal (1944). A nova xeración de compositores propuxo unha volta ao folclorismo, que é o que marca a creación musical de autores como H. Hellstenius (1963), G. Kverdnokk (1967) e J. O. Ness (1968). A finais do s XX, cómpre salientar o labor dalgúns solistas, como os cantantes E.Norberg-Schulz, R.stene e A.Gievang; os pianistas L.Ove e G.Henning, o violinista L.Anders Tomter e o trompetista O.E. Antosen.

Palabras veciñas

Northumberland | Northumbria | Noruega, mar de | noruegués -sa | norvietnamita | Norwich | Norwid, Cyprian