Nouveau Roman

Nouveau Roman
[LIT]

Corrente literaria francesa, dentro do xénero novelístico, nacida arredor da década de 1960 e contraria ás formas tradicionais da novela. Caracterízase pola expresión detallada dos acontecementos narrados e pola esquematización dos personaxes, co obxectivo de reproducir a realidade sen xuízos apriorísticos do autor, co conseguinte abandono da análise psicolóxica das personaxes. Os membros desta corrente conciben o mundo como se o narrador fora un cineasta que se limitara a captar as imaxes que se lle presentan diante e onde as situacións surrealistas e inconsistentes nunca teñen explicación por parte do narrador. Tivo un soporte teórico en diversos artigos e en Pour un nouveau roman (1963) do principal impulsor desta corrente, Alain Robbe-Grillet. Outros expoñentes destacados foron Nathalie Sarraute, Marguerite Duras, Claude Simon ou Michael Butor. En Galicia, esta corrente literaria influíu decisivamente nos traballos desenvoltos polos escritores incluídos no movemento da Nova Narrativa.