novecentismo

novecentismo

(< cat noucentisme)

s m [LIT/ARTE]

Movemento cultural de alcance político que se iniciou en Catalunya a principios do s XX. Os seus principais abandeirados foron Eugeni d Ors, Josep Carner, Jaume Bofill i Mates, Josep Pijoan, Francesc d A. Galí, J. Torres García, Xavier Nogués e Feliu Elias cuxa característica común foi a superación da tradición romántica e o modernismo. Acordaron que 1906 representara a apertura do movemento, que, pouco a pouco, foi construíndo todo un programa, grazas á plataforma mínima de goberno que representou o poder de Enric Prat de la Riba   e o seu equipo político. O seu obxectivo primeiro foi a formación dunha lingua literaria común, codificada pero flexible, e útil para calquera disciplina. Nas artes plásticas, ao comezo, o novo movemento concretouse no arcaísmo depurador que cultivaron algúns posmodernistas, moitos dos que se integraron despois na asociación Les Arts i els Artistes, que sintetizou inquedanzas renovadoras diversas. En pintura foi encarnado polo clasicismo de J. Torres García, o mediterranismo de Joaquim Sunyer, o barroquismo caseiro de Francesc d A. Galí e o popularismo irónico de Xavier Nogués. En escultura destacaron Josep Clará, que coincidía coa morfoloxía clasicista do movemento, Enric Casanovas, Esteve Monegal e   Pau Gargallo, que alternaba o clasicismo coa vangarda. En arquitectura, Rafael Masó personificou o paso do modernismo ao novecentismo, e en Barcelona Josep Goday foi o autor do mesurado barroquismo dos grupos escolares municipais, inspirados no seu mestre Josep Puig i Cadafalch, o arquitecto que sucedeu a Prat de la Riba na presidencia da mancomunidade. Na literatura castelá, a novela novecentista ou da Xeración do 14 representou a superación dos trazos estilísticos e narrativos herdados do realismo, cun enfoque profundamente intelectual, deshumanizado e afastado do romanticismo. Na realidade, supuxo un afastamento da ideoloxía que predicaba a Xeración do 98, nunha liña diferente á propugnada polo modernismo. Asemade, xurdiu un novo interese pola literatura para minorías e unha preocupación extraordinaria pola linguaxe empregada nos textos literarios. Dos seus representantes cómpre salientar a Ramón Pérez de Ayala, que dota aos seus personaxes de ideas ou actitudes vitais; e Gabriel Miró, considerado como un dos máis destacados prosistas do s XX na literatura castelá e autor dunha novela caracterizada pola súa estética e o seu lirismo. Noutro nivel, cómpre subliñar a obra de Wenceslao Fernández Flórez, Benjamín Jarnés ou Ramón Gómez de la Serna.