Novecento

Novecento

Corrente artística italiana que se organizou en Milán a partir de 1922. Xurdiu como consecuencia dun novo xiro da arte que apareceu en Italia a finais da Primeira Guerra Mundial e que foi animado desde a revista Valori Plastici, que preconizaba un retorno á liña autóctona de Giotto ou Masaccio. Bautizado por Anselmo Buci (1887-1955), foi aceptado axiña por Achille Funi, Ubaldo Oppi, Mario Sironi e o ex-futurista Carlo Carrá. Relacionáronse tamén os pintores Giorgio Morandi, Felice Casorati, Massino Campigli e Filippo de Pisis, que representan unha opción non vangardista da arte. A primeira exposición do novo grupo tivo lugar en Milán en 1923. A corrente arquitectónica serviu os intereses da pequena burguesía, que sustentou o réxime ditatorial e se concretou nunha mestura de elementos neoclasicistas con algúns futuristas e, ata mesmo, racionalistas. Deuse preferencia á planificación urbanística ante o edificio illado e é tomado como o modelo xenérico do neoclasicismo milanés de comezos do s XIX. Mentres en Milán actuaban G. Muzio, P. Portaluppi, E. Lancia e G. Ponti, entre outros, en Roma fixérono dunha maneira paralela P. Aschieri e A. Limonguelli. Partindo destas mesmas preposicións, M. Piacentini chegou despois ao monumentalismo. Foi a arte oficial do fascismo.