Nóvoa García, Leopoldo

Nóvoa García, Leopoldo

Artista plástico. Emigrou coa súa familia en 1938 a Uruguay, onde estudou arquitectura. En 1942 iniciouse na arte coa cerámica e cofundou a revista Apex, onde publicou contos, e a que lle permitiu coñecer ao pintor J. Torres García, clave para a súa formación intelectual. A súa obra caracterizouse por unha figuración construtivista de cores planas e carácter costumista en escenas urbanas, rurais ou naturezas mortas. Pouco despois achegouse á abstracción en que lle deu moita importancia ao material ata que evolucionou cara á plenitude da súa obra coa incorporación do espazo e a luz. Trasladouse a Bos Aires (1947) e desde 1953 comezou a expoñer coa axuda de Luís Seoane. Colaborou coa revista Galicia Emigrante, regresou a Montevideo (1957) e traballou en xornalismo. Destacou polos seus murais de grandes dimensións como o do estadio de Montevideo, Mural del Cerro (1962-1964), onde apareceron de forma explícita as características construtivas do artista, cun emprego novidoso dos materiais non tradicionais, a busca da luz e movemento e a tridimensionalidade, que une pintura e escultura. Á vez que expresou un sentimento artístico, foi un modo de protesta, elixiu para a composición materiais que non chegaron a utilizarse para o seu fin ou que xa estaban usados, como expresión dunha sociedade que xera estes males desestruturantes en todos os campos de convivencia. En 1965 instalouse en París e en contacto con latinos, fundou Espacio Latinoamericano (1981). En Galicia empezou a coñecerse a súa obra despois das exposicións en Vigo (1974) e A Coruña (1975). Ten a súa representación mural nesta última cidade, no parque de Santa Margarida, onde aproveitou a orografía e recubriu as rochas de diferentes materiais, na procura dunha colaxe. Na década de 1970 cando cambiou a concepción artística e presentou unha obra monocroma despoxada de variedade material, e centrada na busca de luz e volume. Para o parque de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela realizou Espazo crómlech ocupado (1998). Outras obras foron os murais en Albacete e Alicante e a escultura en aceiro para o Parque Olímpico de Seúl (1988). Ademais de numerosas exposicións por todo o mundo, destacou como ilustrador de libros. Recibiu o Premio das Letras e das Artes de Galicia (2004).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Salcedo, Pontevedra