Nun’Eanes Cêrzeo

Nun’Eanes Cêrzeo

Trobador galego. Orixinario dunha familia nobre, propietaria dun importante patrimonio situado nas proximidades dos mosteiros de Oseira, Carboeiro e Vilar de Donas, pertenceu á corte señorial dos Traba, onde se relacionou cos Taveirós. Membro da liñaxe de cabaleiros dos Cêrzeo, crese que era irmán de Pedro Eanes e de Urraca Eanes. Puido participar na Reconquista andaluza e asentarse nesas terras. Da súa produción, localizada unicamente no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, consérvanse dez cantigas de amor, tituladas “Mia senhor fremosa, direi-vus ua ren”, “Par Deus, dona Maria, mia senhor ben-talhada”, “Quand ora fôr a mia senhor veer”, “Quer eu agora ja dizer”, “Senhor, e assi ei eu a morrer?”, “Senhor esta coita, que ei”, “Senhor perdud ei por vos ja o coraçon”, “Senhor, que coitad og eu no mundo vivo”, “Senhor, todos m’entenden ja” e “Toda -las gentes mi-a mi estranhas son”; e un descordo, titulado   “Agora me quer’ eu ja espedir”, en que amosa o seu desinterese polas cousas do mundo. Autor dunha grande orixinalidade, introduciu varios esquemas estróficos novos e preocupouse sobre todo pola cuestión da forma nas súas composicións, co emprego en diferentes cantigas de cobras dobras e palabra-rima, e cobras alternas e palabra-rima no primeiro e derradeiro verso de cada estrofa.

Cronología

  • Deceso