Organización Europea para a Investigación Nuclear
Institución intergobernamental que se fundou en 1954 co nome de Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire por Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Grecia, Italia, Iugoslavia (retirada en 1961), Noruega, Países Baixos, Reino Unido, Suecia e Suíza para a investigación, fundamentalmente no campo da física das altas enerxías. Posteriormente incorporáronse Austria (1959), Bulgaria (1999), Eslovaquia (1993), España (1961, retirouse en 1969 e volveu incorporarse en 1983), Finlandia (1991), Hungría (1992), Polonia (1991), Portugal (1985) e República Checa (1993). A sede e as instalacións están preto de Xenebra, na fronteira francosuíza, e componse dos emprazamentos de Meyrin e Prevessin. Son importantes os seus aceleradores de partículas e os aneis de colisión. Dos feitos acadados destacan o descubrimento das correntes neutras (1973) e a detección dos bosóns intermediarios (1983). Neste centro tamén se crearon as especificacións básicas da World Wide Web dentro de Internet.