oso -sa

oso -sa

(< lat ursu)

  1. [ANIMAL]
    1. s

      Mamífero carnívoro que pertence aos xéneros Ailuropoda, Helarctos, Selenarctos, Mulursus, Thalarctos, Tremarctos e Ursus, da familia dos úrsidos, que presenta un tamaño considerable, corpo moi corpulento, locomoción plantígrada cos dedos rematados en uñas ben formadas e rabo moi curto. É preferentemente carnívoro, aínda que hai especies predominantemente herbívoras.

    2. oso branco/polar [port: urso-branco/polar; cast: oso blanco/polar] [Thalarctos maritimus, Fam dos úrsidos]

      Oso que mide entre 185 e 300 cm de lonxitude e pesa aproximadamente entre 250-350 kg, sendo máis pesado o macho ca a femia. Presenta poderosas uñas, pelame longo e espeso, moi branco nos novos e amarelado nos adultos, e as plantas dos pés recubertas de pelos, como protección contra o xeo e o frío. É máis estilizado ca os outros osos debido os seus costumes acuáticos. Habita nas rexións árticas, por riba do paralelo 55 N, máis sobre o mar xeado que sobre terra firme. É moi bo nadador e nútrese no mar de peixes, moluscos, crustáceos, focas e londras, e de raposos e pequenos carnívoros en terra. É unha especie catalogada como ameazada, sobre todo polo efecto da caza.

    3. oso de anteollos [Tremarctos ornatus, Fam dos úrsidos]

      Oso pequeno de entre 100 e 180 cm de lonxitude, e de ata 100 kg aproximadamente, que se caracteriza por posuír un pelame escuro e unha mancha torácica que chega ata a cara rodeando os ollos. Aliméntase principalmente de vexetais, pero tamén de invertebrados. É de hábitos nocturnos, un bo trepador e non hiberna. Habita nos bosques do S de América (Arxentina, Bolivia, Colombia, Ecuador, Perú e Venezuela), aínda que se atopa en perigo de extinción.

    4. oso gris [cast: oso gris, oso grizzly] [Ursus arctos horribilis, Fam dos úrsidos]

      Oso de entre 1,5 e 2,5 m de lonxitude e entre 140 e 400 kg de peso, que se caracteriza por ter o pelame de coloración variable, entre amarelo pálido e castaño case negro. A cabeza é avultada, con orellas pequenas e fronte alta. É omnívoro e aliméntase de froita, herba, peixes (salmóns) e outros animais. É activo de día e de noite, aínda que prefire as horas crepusculares, e hiberna no N e en sitios elevados. Habita nas zonas montañosas e tundras, na rexión occidental de América do Norte, desde Alasca ata California.

    5. oso malaio [port: urso-malaio, urso-dos-coqueiros; cast: oso malayo] [Helarctos malayanus, Fam dos úrsidos]

      Oso de ata 140 cm de lonxitude e 70 kg de peso aproximadamente. É o máis pequeno dos osos e caracterízase por ter o pelame negro cunha mancha máis clara en forma de ferradura no peito. É omnívoro e trepa con facilidade as árbores, onde constrúe o seu niño. Distribúese polo SL asiático, pero está ameazado debido á perda de hábitat e á sobreexplotación forestal.

    6. oso morrudo [port: urso-beiçudo; cast: oso bezudo] [Melursus ursinus, Fam dos úrsidos]

      Oso pequeno de entre 130 e 190 cm de lonxitude e ata 150 kg de peso que presenta a cabeza moi aplanada, o fociño longo e estreito e os beizos longos, estreitos e extensibles, cos que poden formar unha especie de trompa por onde sae a lingua longa, coa que captura formigas e mel, que constitúen o seu alimento principal, aínda que é omnívoro. Habita en India e en Sri Lanka, en zonas boscosas, aínda que a súa área de distribución viuse reducida pola deforestación.

    7. oso negro americano [port: urso-negro; cast: oso negro] [Ursus americanus, Fam dos úrsidos]

      Oso que mide entre 120 e 180 cm de lonxitude e pesa de 50 a 150 kg. Ten as patas máis curtas e menos macizas ca o oso pardo, e o pelame pode ser de cor negra, que oscila entre a cor tostada avermellada e tostada ennegrecida, agás o fociño que é da cor do mel. É vexetariano e insectívoro, e trepa moi ben as árbores. Distribúese en América do Norte, aínda que actualmente vive principalmente protexido en reservas en EE UU, como en Yellowstone National Park, e Canadá.

    8. oso pardo [port: urso-pardo; cast: oso pardo; ingl: brown bear] [Ursus arctos, Fam dos úrsidos]

      Oso que se caracteriza polo seu tamaño, a cabeza grande, extremidades robustas, orellas pequenas, cola curta e unha cor que vai desde o amarelo pálido ata o pardo escuro, aínda que as crías poden presentar unha cor máis clara que pode persistir nos adultos. O seu peso pode variar entre os 75 e 140 kg nas femias e os 90 e 250 kg nos machos. Na Cordilleira Cantábrica os osos atópanse en zonas de fragas de carballos, faiais e bidueirais, e nos Pireneos en fragas de carballos, faiais e piñeirais, aínda que no resto da Península Ibérica, onde a cobertura vexetal é das máis reducidas das da súa área de distribución, usa tamén matogueiras e formacións arbustivas, zonas con penedos e lameiros. A época de celo do oso pardo vai desde abril ata xullo, polo que nacen as crías ao redor de xaneiro. Tanto os machos coma as femias son polígamos e é posible a paternidade múltiple nunha camada. Son animais omnívoros e aliméntanse fundamentalmente de formigas, abellas, mel, poáceas, tubérculos, cereixas, mazás, moras, abelás, landras ou castañas. Tamén se poden alimentar de mamíferos domésticos e salvaxes que cazan ou de animais mortos que buscan activamente. O oso pardo ten unha distribución holártica e orixinalmente acadaba América Central e o N de África. En Europa, a súa primitiva distribución quedou reducida a 800.000 km 2 e desde o s XVIII, en que se atopaba en toda a Península Ibérica, soamente se conservan nos núcleos galaico-cantábricos e pirenaicos. En Galicia, aínda que aparecen esporadicamente exemplares que proceden dos Picos de Europa na Serra dos Ancares e montes dos arredores, ou na área de Rao-Navia de Suarna, Brexo ou A Allonca, pódese considerar desaparecido. No s XIX aínda que escaseaba podíanse ver exemplares na Serra do Courel, da que desapareceu seguramente na segunda década do s XX, en Cervantes, en Oseira, en Quiroga ou na Serra do Oribio. As poboacións españolas que existen sofren tendencias regresivas, sendo a mortalidade causada polo home a ameaza máis inmediata. A alteración e destrución do seu hábitat incrementa os riscos de mortalidade e impide as súas posibilidades de recuperación. Grazas a estudos xenéticos describíronse, dentro dos osos pardos europeos, tres liñas evolutivas, unha das que inclúe aos osos cantábricos, pirenaicos e do S de Escandinavia. Os exemplares cantábricos son os únicos, dentro da súa liña evolutiva, que non se encontran en proceso de introgresión xenética e que poden garantir o futuro da mesma. A presenza do oso pardo en Galicia testemúñano numerosos topónimos, como Oseira, a presenza dalgunhas construcións para protexer as colmeas de abellas, as representacións en pedra, como a que se pode ver na entrada de Pontedeume, e numerosos ditos, contos e lendas no folclore galego.

    9. oso tibetano/de colar [port: urso-de-colar; cast: oso de collar] [Selenarctos thibetanus, Fam dos úrsidos]

      Oso de entre 120 e 210 cm de lonxitude e ata 150 kg de peso, de cor negra ou tostada avermellada, cunha mancha branca en forma de uve entre a gorxa e o peito. É omnívoro e habita nos bosques de Asia central e meridional e de Xapón.

  2. oso formigueiro [ANIMAL]

    Mamífero xenartro, da familia dos mirmecofáxidos, que se caracteriza por ter o corpo cuberto de pelo moi espeso, uñas poderosas, rabo moi longo e ás veces prénsil, fociño prolongado e sen dentes. Nútrese de formigas e insectos semellantes que recollen coa lingua, longa, estreita e arredondada, impregnada dun moco pegañento. O verdadeiro oso formigueiro (Myrmecophaga tridactyla) ten a cabeza alongada, o fociño longo en forma de tubo, as patas anteriores armadas de fortes uñas e o rabo provisto dun pelo tan longo que cando o animal dorme sérvelle de manta. Habita en América tropical.

  3. oso mariño [ANIMAL]

    Mamífero mariño que pertence aos xéneros Callorhinus e Arctocephalus, da familia dos otáridos, que presenta un denso pelame inferior e usa as aletas dianteiras como propulsoras. Diferénciase dos leóns mariños porque o pelame inferior é máis abundante e sedoso, e o fociño máis puntiagudo. Aliméntase basicamente de peixe. Das especies máis características está o oso mariño ártico (C. ursinus), única especie deste xénero, que habita no hemisferio norte; o oso mariño antártico (A. gazella), o tropical (A. tropicalis) e o suramericano (A. australis), habitantes todos do hemisferio sur.

  4. oso panda [ANIMAL]

    1 panda.

Palabras veciñas

Osmundo, santo | Osnabrück | óso | oso -sa | Osoiro | Osoir’ Anes | osona