óso

óso

(< lat v *ŏssu)

  1. s
    1. [ANAT]

      Tecido conectivo, de notable elasticidade e de gran dureza, que nos vertebrados efectúa a tripla función de sostemento do corpo, de protección dalgúns órganos (cerebro, corazón, pulmóns) e de posibilitar o movemento (a modo de pancas movidas polos músculos). Dependendo da súa función, poden ser longos, anchos ou curtos. O tecido conxuntivo que envolve o óso (periósteo) é fundamental para a formación de tecido óseo. Este consta de tres tipos de células (os osteoblastos, os osteocitos e os osteoclastos) e de substancia fundamental, integrada pola fracción coláxena e a fracción non coláxena e que, polo feito de estar calcificada, lle dá a dureza característica ao tecido óseo, que pode ser esponxoso ou compacto. O esponxoso está constituído por una rede tridimensional de trabéculas óseas, que delimitan uns espazos intercomunicados, ocupados por medula ósea. O compacto está integrado por un sistema de láminas óseas, concéntricas ao redor dos condutos de Havers, que se comunican entre si en sentido transversal mediante as canles de Volkmann, por onde pasan os capilares que achegan as substancias nutritivas ás células óseas.

    2. Porción ou fragmento deste tecido.

      Ex: Botoulle un óso da soá ao caldo.

    3. Materia constituída por este tecido con que se fabrican diversos utensilios.

      Ex: Meu avó fíxome un peite de óso.

    4. pl

      Restos mortais.

      Ex: Nesa fosa común descansan os ósos de moitos soldados republicanos.

  2. s m

    Carabuña ou pebida da oliva e doutros froitos.

  3. s m
    1. Cousa difícil de superar.

      Ex: Esa materia é un óso para a maioría dos alumnos.

    2. Persoa esixente ou que presenta un trato difícil.

      Ex: O novo profesor de inglés é un óso, non hai quen aprobe con el.

Frases feitas

  • A outro can con ese óso. Dise cando alguén non cre o que lle conta outra persoa.

  • Estar/quedar nos ósos. Quedar ou ter alguén unha esaxerada delgadez.

  • Non querer o óso nin llo dar ao can. Non facer alguén algo e impedir que o faga outra persoa.

  • Ser óso duro de roer. Cousa traballosa, difícil ou molesta.

  • Calar(se)/mollar(se) ata os ósos. Enchoupar completamente.

  • Ser óso e pel. Estar alguén moi fraco.

  • Ser un feixe/saco de ósos. Estar moi fraco.

Refráns

  • Cando un can traga un óso, confía no seu pescozo.
  • O óso e a carne dóense do seu sangue.
  • O que envía un óso ten confianza no seu pescoZO.

Palabras veciñas

osmundal | Osmundo, santo | Osnabrück | óso | oso -sa | Osoiro | Osoir’ Anes