Oaxaca de Juárez

Oaxaca de Juárez

Capital do estado de Oaxaca, México, que está situada no amplo val de Oaxaca (472.624 h [2000]). É un mercado agrícola de cereais, cana de azucre e froita. Ten industrias derivadas da agricultura e tamén artesanais, como as de tecidos, de cerámica e de prataría. Orixinariamente Huaxyácac, Pedro de Alvarado deulle o nome de Segura de la Frontera. Despois de que Hernán Cortés a despoboara (1522), os seus veciños ocupárona novamente co nome de Antequera de Oaxaca (1526-1528). Converteuse nun dos principais focos de penetración misioneira en México. En 1872 recibiu o nome actual. Do seu patrimonio cultural destaca o convento de Santo Domingo (s XVII), que posúe no interior da igrexa un dos conxuntos de maior riqueza do Barroco mexicano; a catedral (s XVIII); e as igrexas de San Agustín, la Merced, la Soledad, San Felipe Neri e la Compañía. Nos arredores da cidade hai importantes zonas arqueolóxicas das culturas zapoteca e mixteca, como Monte Albán, Mitla Zaachila e Yagul. O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1987).