obturador -ra

obturador -ra

(< obturar)

  1. adx

    Que obtura ou serve para obturar.

  2. s m
    1. Mecanismo que se utiliza para obturar.

    2. [IMAX]

      Dispositivo que na cámara fotográfica regula o tempo de exposición da superficie sensible á luz. Os obturadores poden ser, basicamente, de iris ou de cortina. O obturador de iris (ou central) consiste en diversas láminas metálicas que forman unha sorte de sector circular e que, accionadas por un resorte, converxen cara ao eixe óptico e se imbrican, pechando totalmente o obxectivo. O obturador de cortina (ou focal) consiste en dúas láminas enrolables, unha en cada extremo, dispostas como dúas cortinas que se separan ao enrolarse e se achegan ao desenrolarse. Neste caso, a exposición ten unha dobre regulación: por unha banda, a abertura ou separación das dúas láminas, e por outra, o tempo que permanecen separadas. Isto permite unha gran variedade de instantáneas normais. Algunhas cámaras de uso científico incorporan obturadores de alta velocidade, baseados en dispositivos electrónicos.

    3. [IMAX]

      Dispositivo que na cámara cinematográfica impide a chegada da luz á superficie sensible no lapso durante o que o mecanismo de avance da película a fai correr entre dous fotogramas consecutivos.

    4. [BÉL]

      Mecanismo que é preciso colocar entre a recámara e o peche dunha peza de artillaría para evitar a fuxida de parte dos gases do tiro, coa conseguinte perda de potencia e o desgaste do peche. As armas que disparan cartuchos ou proxectís con vaíña non requiren deste mecanismo.

    5. [TECNOL]

      Dispositivo que se emprega para pechar un recinto ou unha condución, ou para interromper a comunicación entre eles, como poden ser as billas e as válvulas.

Palabras veciñas

obtible | obtundente | obturación | obturador -ra | obturar | obtusángulo -la | obtuso -sa