occitano -na

occitano -na

(< topónimo Occitania)

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Occitania, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante de Occitania.

  1. [ETN/HIST]
    1. adx

      Relativo ou pertencente ao pobo occitano.

    2. s

      Individuo do pobo occitano.

    3. s m pl

      Pobo de raza basicamente indoeuropea establecido en Occitania. A Idade de Bronce caracterizouse pola aparición da cultura dos campos de furnas, que finalizou co inicio da cultura ibérica do ferro, fortemente influída pola chegada dos gregos focenses (s VI a C), fundadores de Massalia (actual Marsella). A partir do s V a C, unha invasión céltica penetrou en todas as rexións occitanas. Os efectos da conquista romana deixáronse sentir fortemente pero a creación dun estado visigodo ao SO (s V), acentuou a diferenza entre as dúas metades da antiga Galia: a francesa e a provenzal. Co paso dos séculos, confluíron e impuxéronse sobre o territorio outras civilizacións, como a de oïl.

  2. s m [LING]

    Lingua románica, denominada tamén lingua de oc, que pertence ao grupo lingüístico galorrománico. É a lingua propia de Occitania e constitúese como a lingua minorizada máis extensa en Francia. Pódese fixar a súa fronteira coas linguas de oïl partindo da confluencia dos ríos Garona e Dordogne, ata Châteldon (Auvernia). A partir de aquí, o límite, que tamén separa o territorio lingüístico occitano do francoprovenzal, descende cara ao sur ata a fronteira italiana. Respecto ás linguas italianas, a liña divisoria non é tan clara : pódese dicir que todos os altos vales dos Alpes e algunhas localidades da chaira piemontesa son occitanas, pero tamén cómpre sinalar que unhas determinadas zonas, territorialmente occitanas, acusan a influencia do piemontés. Co aragonés e o catalán, a fronteira lingüística segue a liña que vai do cumio do Auñamendi (Pireneo Occidental) ata Porte Puymorens, exceptuando a zona aranesa, e de aquí continúa ata Salses-le-Chatêau e o mar. Co dominio lingüístico éuscaro, os límites son moi imprecisos.
    Evolución histórica
    Os primeiros documentos que se conservan en occitano datan do s X; o primeiro documento escrito enteiramente nesta lingua é do 1102 e pertence ao territorio de Rodez. Foi durante os ss XII e XIII a lingua vulgar con maior prestixio literario utilizada por moitos trobadores da época. A cruzada albixense  levou á anexión, por parte do rei francés, de Occitania. A pesar do esplendor e unidade da lingua durante os ss XIV e XV, o proceso de substitución linguïstica que se iniciara coa anexión acentuouse. A ordenanza de Villers-Cotterêts (1539) estableceu o uso obrigatorio do francés e provocou a desaparición do occitano dos usos administrativos. A lingua de oïl foi adquirindo progresivamente novos ámbitos de uso, especialmente a partir da Revolución Francesa, e acelerou o proceso de abandono do occitano. Durante os ss XIX e XX produciuse un movemento de rexurdimento, denominado felibritge. A Lei Deixonne (1951) permitiu que a lingua de oc volvese ao ensino escolar, pero na década de 1960 o proceso de asimilación lingüística aguzouse. Nos últimos tempos producíronse algúns intentos de recuperación do occitano: os nenos poden aprender occitano nas calandretas (escolas de occitano), pode aprenderse como materia optativa nalgunhas universidades, publícanse en occitano revistas e xornais, algunhas emisoras de radio (por exemplo, Ràdio Païs) e canles de televisión empregan a lingua, aumentou a produción literaria e musical en occitano, etc.
    Características lingüísticas
    Dos trazos xerais do occitano, que o contrapoñen ao francés, por unha parte, e ás linguas iberorrománicas por outra, destacan:
    Fonética e fonoloxía
    -Caída das vogais finais átonas latinas, excepto -A (set < SEPTE, uèch< OCTO).
    -Non ditongación de Ĕ, Ŏ tónicos latinos, excepto cando van seguidos de iode, xa que neste caso se produce unha ditongación condicionada (cèl < CAELU, nòva < NŎVA, lièch < LĔCTU, uèch< OCTO).
    -Non ditongación de e (< Ē, Ĭ) e o (< Ō, Ŭ) tónicos (fe < FĬDE, flor < FLŌRE).
    -Palatalización de Ū (lüna < LŪNA).
    -Conservación dos grupos PL-, KL- e FL- (ple < PLENU).
    -Palatalización do grupo -KT- (fach < FACTU).
    -Non palatalización de K e G seguidos de A (canta < CANTAT, larga < LARGA).
    Morfoloxía e sintaxe
    -O artigo determinado masculino é lou e o feminino la, usándose li para o plural de ambos os dous (lis ante vogal), (lou jouvènt ‘o mozo’, li jouvènt ‘a mocidade’).
    -O artigo indeterminado é un, uno, co plural de/d’.
    -O adxectivo comparativo é mai ou plus.
    -Os pronomes demostrativos son aqueste ‘este’, aqueu ‘ese’, con variación de xénero e número.
    -Os interrogativos son quau ‘quen?’, (de)que ‘que?’.
    -O relativo é que, lou quau, la qualo, plural liquau/qualo.
    -En canto aos numerais, ‘dous’ vai marcado polo xénero, (dous brau ‘dous touros’, duos chato ‘dúas mozas’).
    -A partícula negativa é pas, que segue o verbo (siéu pas riche ‘non son rico’).
    Variedades
    Presenta unha gran fragmentación dialectal. Partindo de criterios lingüísticos, o occitano está formado por un complexo dialectal que comprende tres grandes entidades: o occitano do norte, o occitano medio e o gascón. O primeiro, que se divide en tres grandes grupos dialectais (lemosino, auvernés e provenzal alpino) , caracterízase, sobre todo, pola palatalización de KA- e GA- latinos (chanta < lat CANTAT, jalina < GALLINA ;). Esta palatalización, paralela á que se deu na lingua de oïl, fai que o occitano do norte sexa un dominio intermedio entre o francés e o occitano medio. O occitano medio, o grupo dialectal máis conservador, está afastado, de xeito equidistante, do occitano do norte e do gascón. Divídese en dous dialectos importantes (languedociano e provenzal), que teñen en común diversas características: a conservación dos grupos latinos KA- e GA- (cantar, cabra; gal < GALLU), a conservación do -S- nos grupos consonánticos -SK-, -SP-, -ST- (espiar, tèsta, escòla) e a conservación do -l- intervocálico, que provén do -L- ou do -LL- latinos (pala, salar, galina). No que se refire ao gascón, pódese dicir que constitúe unha entidade étnica e lingüística orixinal. Distínguese moi claramente dos outros dous compoñentes do complexo dialectal occitano pola súa fonética e tamén pola morfoloxía, a sintaxe e o léxico. Este feito fixo que moitos autores o considerasen unha lingua independente. Así, na Idade Media xa había referencias a el como unha lengatge estranh con respecto á koiné utilizada polos trobadores provenzais. Entre algúns trazos característicos do gascón están: aspiración do F- inicial latino (FILIA > hilha, FARINA > haría), caída de -N- intervocálico (LUNA > lua), o -LL- intervocálico pasa a -r- (BELLA > bèra) e o -LL en posición final dá -t (BELLU > bet, CASTELLU > castèt). Estas dúas últimas evolucións son practicamente únicas en toda a Romania; só algúns dialectos do sur de Italia (Calabria, Sicilia) e o sardo presentan evolucións fonéticas que se poden poñer en relación con estas.

  3. literatura occitana [LIT]

    Literatura realizada en Occitania. Os textos occitanos máis antigos que se coñecen, e que ofrecen un auténtico valor literario, datan do s XI, pero é a partir do s XII cando se desenvolveu a poesía dos trobadores. Guillerme IX de Aquitania está considerado como o primeiro trobador, xunto a Jaufré Rudel, Ebles II e Marcabrú. Instauraron o amor cortés na poesía e impuxeron os seus temas referenciais, particularmente o da muller ausente e desexada. A partir de 1150 xa se pode falar de madureza e de clasicismo. O máis destacado foi Bernat de Ventadorn, o mestre do trobar lèu. Neste momento tamén se rexistraron cantigas asinadas por mulleres, como a condesa de Dia. Os xéneros multiplicáronse (pastorela, alba, tenzón, sirventés), e dos autores que dominaron o final do s XII cómpre salientar a Girault de Bornelh, Bertran de Born e, especialmente, Arnaut Daniel. Desde o s XII existiu unha epopea occitana e no s XIII desenvolveuse unha notable produción novelística. No s XIII, coa cruzada contra os albixenses, o norte atacou o país de Oc e a prohibición de uso da lingua provenzal obrigou aos trobadores a refuxiarse nas cortes dos reis transalpinos. Nos ss XIV e XV o francés penetrou nas chancelarías e impúxose nas cortes literarias dos grandes señores. O occitano mantívose na vida corrente, no uso da administración. Na mesma época desenvolveuse a prosa civil e a prosa científica. No s XVI, cando case toda Occitania pertencía ao rei de Francia, o francés impúxose en todos os ámbitos, especialmente a partir do edicto de Villers-Cotterêts. Porén, foi nesta época cando xurdiu un renacemento en Occitania, co gascón Pey de Garròs, o provenzal Belaud de la Belaudièra e o albixense Augièr Galhard. O gascón Bertran Laranda implantou nas marxes do Garonne os modelos de moda na poesía europea. Pèire Godolin converteuse no poeta oficial de Tolosa de Languedoc e clausurou toda unha época barroca. A partir deste momento a literatura occitana fíxose marxinal e no s XVIII só destacou o poeta humanista J. Baptista Fabre. A erudición e a moda levaron ao redescubrimento dos trobadores e produciuse un novo renacemento a comezos do s XIX, protagonizado por Fabre dOlivet, xunto a Jansemin ou Vic22tor Gelu, animados polo romanticismo e polo movemento obreirista da década de 1830. Con todo, moitos destes escritores sociais foron pouco sensibles aos estudos do pasado literario occitano e á recuperación da súa dignidade histórica. Ignoraban os traballos de Thierry, Fauriel, Raynouard ou Honnorat. Estas investigacións aproveitáronas os provenzais, que se volveron activos ao redor de 1850, e que se uniron no grupo Félibrige, liderado por Romanilha, e co que se tentaba recuperar a literatura nacional. Nestes anos cabe mencionar, sobre todo, a Frédéric Mistral, Premio Nobel de Literatura (1905), xunto a Teodor Aubanel, poeta do amor. Durante a Terceira República destacaron os escritores Valeri Bernard, J. dArbaud, M. Camelat, Filadelfa de Gerda e A. Perbòsc. L. Alibert publicou unha significativa Gramatica occitana (1935). A escola pública, a guerra de 1914 e a falta de estruturación económica da zona, foron algúns dos elementos que reduciron o uso popular desta lingua. Nesta época preparouse na clandestinidade o Institut d’ Estudis Occitans, que obtivo algúns éxitos, como a lei Deixonne (1951) sobre o ensino das linguas denominadas rexionais. O occitanismo evolucionou cara a un compromiso político e económico, que tivo ampla resonancia na literatura. En poesía, coa iniciativa do rosellonés J. Sebastià Pons, en 1942 iniciouse a colección de poesía Messatges, que deu a coñecer a xeración de 1945 (Espieut, Manciet, Robert Lafont e Danís Saurat). O máis destacado do espectacular restablecemento da literatura occitana entre 1955 e 1975 foi o desenvolvemento da prosa (J. Bodon, R. Lafont, M. Roqueta, Pessamessa, Manciet ou I. Roqueta). Das xeracións novas cómpre salientar os novelistas F. Vernei, J. Dau Melhau e P. Mora, e os prosistas Vasèlhas, Ganhaire e Meffre. Na poesía destacaron F. Gardy, Joan-Ives Roier, J. Luc Sauvaigo, Marcèla Delpastre, Joan Bodon ou Rotland Pecot.

  4. música occitana [MÚS]

    Arte musical cultivada en Occitania. Desde o s V, Tolosa de Languedoc foi un centro de liturxia mozárabe grazas á presenza visigoda. A carón dun importante florecemento de música relixiosa, na baixa Idade Media, acadou unha importancia excepcional a música dos trobadores na música profana. A ruína de Occitania como entidade política supuxo a lenta desnaturalización cultural. No s XVII tivo moita importancia a música de ballet, a ópera e a música relixiosa. Aínda así, a maior parte dos compositores occitanos de prestixio traballaron en París ou noutros lugares do estranxeiro, e son coñecidos con nomes e apelidos afrancesados. A escola de Aix-en-Provence, de longa tradición, deu durante o s XVIII figuras como o operista italianizante E. J. Flocquet. Nos ss XIX e XX moitos compositores occitanos centráronse en París, como G. Fauré, E. Chabrier, V. d’ Indy, Ch. Bordas e o violinista P. Rode. Máis conscientes do seu occitanismo foron, en cambio, D. Milhaud, E. Poulenc, O. Messiaen e G. Auric. Tamén destacou a corrente da nova canción occitana, sobre todo, cos seus principais representantes Claudi Martí, G. Brogli, Patric e Josiana. Desde a década de 1990 recolleuse unha revitalización da música tradicional occitana, con grupos como Nadau, Gai Saber e Bando du Giari, e intérpretes como Lou Seriol e Zapozain.

Palabras veciñas

occitanista | occitanización | occitanizar | occitano -na | Occleve, Thomas | OCDE | Oceanía