Odessa

Odessa
Nome científico: [ucraíno: Odessa]

Capital da oblast’ homónima, Ucraína (1.002.246 h [1999]). Está situada na beira do Mar Negro. O seu porto, o máis importante do Mar Negro, é a base dunha importante frota pesqueira. Hai estaleiros, industrias de conservas alimentarias, do vidro, de instrumentos fotográficos, metalúrxicas e mecánicas. Antiga colonia grega, denominada Odisos, foi sucesivamente ocupada e fortificada durante a Idade Media por tártaros, lituanos, polacos e turcos, que a denominaron Hadji-Bey. Como resultado da Primeira Guerra Ruso-turca pasou (1789) a poder dos rusos, que edificaron unha fortaleza e unha base naval (1792-1794) e que a denominaron Odessa (1795). Conserva edificios do s XIX, neoclásicos e con influencia renacentista. Destaca a escalinata que baixa cara ao porto, obra do arquitecto italiano F. Boffo, e que foi escenario do levantamento obreiro de 1905 e do motín da tripulación do acoirazado Pot’omkin.