Odisea, A

Odisea, A
[LIT]

Poema grego de vinte e catro cantos, hexamétrico, que se atribúe a Homero (ss IX-VIII a C). Conta, alternando a primeira e a terceira persoa narrativas, as aventuras de Odiseo (Ulises na tradición latina), un dos heroes que asediaran Troia, no seu retorno por mar a Ítaca, a súa terra de partida. A acción transcorre durante os dez anos de peregrinación desde que sae de Troia ata que definitivamente chega ao seu reino. Dividida en tres partes ou elementos, amodo de terceto, a primeira conta a viaxe de Telémaco, fillo de Ulises (Telemaquia); a segunda narra as fantásticas aventuras no regreso do heroe á súa patria (O exilio de Odiseo); e na terceira cóntase como Ulises chega á súa casa e vence os pretendentes da súa muller, Penélope (A toma de Ítaca). Os trazos literarios que o poema reflicte son máis modernos ca os da Ilíada, e ás veces moi próximos aos de Os traballos e os días de Hesíodo e aos dos poemas do ciclo épico que se perderon. A diferenza da Ilíada, na Odisea establécese unha complexa relación entre os seres divinos e mortais; asemade, a obra recolle, de forma incidental, mostras da diversidade e do folclore das comunidades que poboaban a costa troiana e as súas illas.

Palabras veciñas

odiosidade | odioso -sa | odisea | Odisea, A | odiseico -ca | Odoacro | Odoario