Odriozola Pietas, Antonio

Odriozola Pietas, Antonio

Erudito e investigador. Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela e realizou investigacións no campo bibliográfico, histórico, musicolóxico e no das ciencias naturais. Bibliotecario da Misión Biolóxica de Galicia ata 1981, destacou como especialista do mundo das flores, especialmente da camelia, e impartiu numerosos cursos sobre floricultura e xardinaría no Centro Forestal de Lourizán. Publicou diversos artigos bibliográficos relacionados co mundo da imprenta, sobre todo unha serie de estudos dos obradoiros tipográficos de Juan Parix en Segovia (1472-1474), coñecida como a primeira imprenta que funcionou en España, ou mesmo outros relacionados cos traballos do tamén impresor Agustín de Paz en Mondoñedo. A través das súas investigacións coñecéronse datos e recuperáronse libros moi importantes da imprenta en Galicia, como o Misal Compostelano (1495), o Manual Auriense (1510) e o Manual Compostelano (1543). Ademais, elaborou numerosos catálogos musicais, como Homenaje a Sergio Prokofiev en el 60 aniversario de su nacimiento (1951). Presidente da Sociedade de Bibliófilos Galegos e colaborador de diversas obras colectivas como Dicionario de Historia Eclesiástica de España (1972-1975), é autor de La Caracola del bibliófilo nebrisense: extracto seco de bibliografía de Nebrija en los siglos XV y XVI (1947), Catálogo de los libros litúrgicos hispanos impresos en los siglos XV y XVI (1960), La imprenta en Castilla en el siglo XV (1974), Las Imprentas de Pontevedra en el siglo XIX (1989) e Historia de la Imprenta en Galicia (1992), nunha edición ao coidado de Xosé R. Barreiro. No eido da literatura publicou o artigo “Lembranza de Álvaro Cunqueiro e unha bibliografía máis da súa obra” (1981), editado en Grial; e Rosalía de Castro. Guía bibliográfica (1981). Tamén foi autor do estudo bibliográfico do libro Cocina Gallega (1982), elaborado por Álvaro Cunqueiro e Araceli Iglesias. Foi membro do padroado do Museo Provincial de Pontevedra e do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, ademais de académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e da Real Academia de la Historia. Recibiu o Premio Cardenal Cisneros (1974) do Ministerio de Cultura e o Premio Nacional Raimundo Lulio do CSIC (1976).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vitoria

  • Deceso

    Lugar : Gasteiz

  • Deceso

    Lugar : Pontevedra