oído

oído

(< lat audītu)

  1. s m

    Sentido polo que se perciben os sons. Na tradición oral recóllense ditos como: “A palabras necias, oídos xordos. Predíqueme, pai, que por un oído me entra e por outro me sae. Máis vale unha testemuña de vista que un cento de oídos”.

  2. s m [ANAT]

    Órgano dos animais que permite detectar as vibracións que se producen no medio, tanto se este é fluído como sólido. A forma máis simple, que aparece nas medusas, consta dunha bolsa pechada chea dun líquido onde os otólitos están rodeados de células sensoriais conectadas con nervios. Esta estrutura, denominada estatocisto, está presente en case todos os invertebrados acuáticos en número e situación diversos. Nos insectos aparecen órganos timpánicos, formados por unhas cavidades situadas no abdome ou patas do animal, que limitan co exterior mediante unha membrana flexible e que están envoltas de células sensoriais. Nos vertebrados o oído é interno e consta basicamente de estatocistos modificados. Orixinariamente constitúe o órgano do equilibrio, secundariamente adaptado para oír. Para o seu estudo divídese en tres partes: oído externo, medio e interno. O oído externo consta do pavillón externo e do conduto auditivo externo. O primeiro é unha superficie en gran parte cartilaxinosa, de forma peculiar, con diversos pregamentos e concavidades, e que ten a misión de dirixir os sons cara ao conduto. Non está presente en todos os vertebrados (peixes, réptiles e aves carecen del, aínda que estas últimas posúen plumas de función similar). O conduto auditivo externo consta dunha primeira metade cartilaxinosa, protexida con pelos finos e con cerume, e unha segunda metade aberta no óso temporal (que inclúe as restantes partes do oído) que acaba coa membrana do tímpano. O oído medio é unha cavidade estreita e irregular que se sitúa a continuación da membrana timpánica, que comunica directamente coa farinxe mediante a trompa de Eustachi, e permite igualar a presión a ambos os dous lados da membrana timpánica. Unha cadea de ósos -o martelo, coa cabeza encaixada no segundo óso; a bigornia, articulada co estribo, cunha platina que tapa a fiestra oval do oído interno- asegura a exacta transmisión, ampliada, das vibracións timpánicas ao oído interno. O oído interno comprende o labirinto óseo e o labirinto membranoso. O labirinto óseo consta de tres partes: o vestíbulo, conectado á caixa timpánica pola fiestra oval, as canles semicirculares (órgano que regula o equilibrio), detrás; e o caracol ou cóclea (órgano da audición), diante. O labirinto membranoso está formado polo epitelio sensorial e a endolinfa, e está rodeado polo labirinto óseo onde está a perilinfa. No oído interno transfórmase a enerxía mecánica en eléctrica, que estimula a transmisión nerviosa ao cerebro. A vibración do caracol move a endolinfa, que estimula o órgano de Corti, que transmite o impulso nervioso ao nervio auditivo. O equilibrio mantense grazas ás canles semicirculares e á existencia de otólitos sobre as células pilosas do vestíbulo, de tal xeito que o cambio de posición destes produce un cambio de presión que indican a posición do corpo.

  3. s m

    Capacidade para recoñecer e reproducir as melodías musicais.

    Ex: Nunca tivo bo oído e por iso desafina tanto cando canta.

  4. s m [BÉL]

    Orificio que teñen algunhas armas de fogo na recámara mediante o que se transmite o lume á carga.

Frases feitas

  • Abrir ben os oídos. Estar atento ao que se di.

  • Afinar/aguzar o oído. Prestar atención ao que alguén di.

  • Ao/Ó oído. Dito ao lado do oído para que ninguén máis o oia.

  • Dar oídos. Dar creto ao que outras persoas din.

  • Entrar por un oído e saír polo outro. Indica que alguén non fai caso do que lle din.

  • Pechar os oídos. Non escoitar razóns.

Palabras veciñas

oídas, por | oídio | oidiomicose | oído | oidor -ra | Oidos | OIE