olmeca

olmeca
  1. adx

    Relativo ou pertencente ao pobo olmeca.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo olmeca.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo precolombino que se asentou na costa do golfo de México, no actual estado de Veracruz, entre 800 e 300 a C. Trátase da máis antiga cultura mexicana e a máis creadora, pois a súa influencia atópase practicamente na etapa preclásica de todas as culturas do antigo México. O primeiro centro olmeca foi a cidade de La Venta, a máis antiga de México, onde se descubriron prazas cerimoniais, plataformas de terra amoreada, pirámides, grandes altares e estelas de pedra tallada cheas de relevos, e sobre todo, seis monumentais cabezas humanas de pedra. Tamén se descubriron numerosas inscricións xeroglíficas, que demostran que inventaron a escritura, o sistema numérico e o calendario, que máis tarde desenvolverían os zapotecas de Monte Albán, e sobre todo os maias de Yucatán. Outro aspecto importante desta cultura era a talla de pedras duras, coma o xade, co que facían figuras. Parece ser que veneraban unha divindade da terra e da fecundidade que tiña a figura do xaguar. Outros centros olmecas foron Tres Zapotes, San Lorenzo e Cerro de las Mesas.