Olmo Gallego, Lauro

Olmo Gallego, Lauro

Dramaturgo. Considerado un dos principais autores teatrais da posguerra en España, interrompeu a súa formación académica por mor da Guerra Civil Española e decidiu marchar a Madrid. Alí, como escritor autodidacta forzado polas circunstancias, cultivou inicialmente a poesía e a narración curta, que compaxinaba coas súas frecuentes visitas á biblioteca do Ateneo madrileño. Inserido na liña do realismo social, formou parte do grupo de autores que durante a década de 1960 deron un novo pulo ao teatro español, co obxectivo de conseguir coas súas obras unha sociedade máis solidaria. A súa obra dramática, popular e chea de elementos propios do sainete, tentaba cimentarse no máis profundo do ser humano solidario e social, onde se reflectiran os problemas dos emigrantes, da pobreza, da industrialización e as consecuencias dos males da sociedade española da posguerra. Da súa produción teatral, da que moitas son pezas breves de carácter cómico, con intercalación de escenas musicais e coreografías, destacan El milagro (1955), Doce cuentos y uno más (1955, Premio Leopoldo Alas), El perchero (1953), La camisa (1961, Premio Valle-Inclán 1961, Premio Larra e Premio Nacional de Teatro 1962, Premio Álvarez Quintero da Real Academia Española 1963), unha obra marcada polo realismo e a realidade dos seus argumentos, e coa que se deu a coñecer ao gran público; El gran sapo (1963), La pechuga de la sardina (1963), La condecoración (1965), El cuerpo (1966), El raterillo (1967), English Spoken (1968), El cuarto poder (1969), Historias de un pechicidio o la venganza de don Mauro (1974), Mare Nostrum (1982), Pablo Iglesias (1984) e La jerga nacional (1986). Ademais realizou diversas adaptacións de obras teatrais de Bertol Brecht e, xunto á súa muller, Pilar Enciso, escribiu os libros para nenos La maquinita que no quería pitar (1973), Asamblea General (1981) e El raterillo: la maquinita (1987). Tamén escribiu o libro de poemas Del aire (1954) e os libros de narrativa 12 cuentos y uno más (1955), La peseta del hermano mayor (1958), Ayer, 27 de octubre (1958) e Golfos de bien (1968). Vicepresidente primeiro do Ateneo de Madrid, conselleiro da Asociación Colegial de Escritores de España e presidente da Asociación de Autores de Teatro, foi galardoado tamén cos premios Antonio Machado (1986) e Elisenda de Montcada (1994).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : O Barco de Valdeorras

  • Deceso

    Lugar : Madrid