opio

opio

(< lat opĭu < grÜπιον)

  1. s m [MED]

    Exsudado, desecado ao aire, que se obtén ao facer incisións transversais nas cápsulas verdes da durmideira (Papaver somniferum). Contén máis dun 9,5% de morfina e as súas propiedades analxésicas e hipnóticas son coñecidas desde hai moitos séculos. Dioscórides fala del no s II, Paracelso empregouno no s XV e J. B. Helmont no s XVII. Sydenham utilizouno na preparación do extracto denominado láudano. Preséntase en pans ovais, aplanados, duns 8-15 cm de diámetro e xeralmente de 300 a 500 g de peso, cunha cor parda clara que escurece co tempo. Ten un olor característico e un sabor amargo. Contén alcaloides e principios neutros, como a meconina, ademais de pectina, glicosa, mucilaxe, cera, graxas e colorantes. A súa actividade farmacolóxica é moi variada, pois actúa como analxésico e narcótico (morfina), antiperistáltico (antidiarreico), antiespasmódico (papaverina), antitusíxeno (codeína, papaverina) e tamén estupefaciente.

  2. s m

    Aquilo que turba ou adormece a mente.

    Ex: Segundo Marx, a relixión é o opio do pobo.