Opio, Guerras do
Conflitos que enfrontaron a China e Reino Unido durante o s XIX, por causa das actividades comerciais británicas que estaban vinculadas co opio, cuxo comercio e consumo estaban prohibidos en China.
Primeira Guerra do Opio (1839-1842)
O conflito xurdiu baixo a dinastía Qing, cando o emperador chinés quixo poñer fin ás actividades contrabandistas dos británicos. A guerra estalou tras a confiscación e destrución, de man das autoridades chinesas, dun cargamento de opio en Cantón. O inmediato ataque dos británicos deulles a vitoria e, coa firma do Tratado de Nanquin (1842), a adquisición de importantes privilexios comerciais e territoriais, como a cesión de Hong Kong, a apertura de cinco portos chineses ao comercio europeo, a rebaixa dos dereitos aduaneiros e o dereito dos súbditos británicos a ser xulgados só polos seus cónsules.
Segunda Guerra do Opio (1856-1860)
O segundo conflito enfrontou, dun lado a China e doutro a Reino Unido, que asumiu directamente o monopolio do comercio e cultivo do opio desde 1858, e Francia, que buscaban ampliar a penetración comercial europea e obter concesións para levar a cabo as actividades misioneiras, e que ademais contaron co apoio diplomático de Rusia e de EE UU. A negativa chinesa a ratificar o Tratado de Tianjin (1858), polo que se vían obrigados a abrir outros dez portos e a legalizar o comercio do opio, reiniciou as hostilidades e a guerra non rematou ata a ocupación de Pequín e a celebración dunha convención (1860), que outorgou novas concesións favorables aos occidentais, como o permiso de residencia para emisarios estranxeiros, a admisión de misioneiros cristiáns e a posibilidade de viaxar ao interior de China.