óptica
(< lat optĭce < gr ὀπτικη)
-
s
f
[FÍS]
Parte da física que estuda os fenómenos relacionados coa luz e a visión. Comezou con Euclides, quen postulou a existencia duns raios de luz que xorden do ollo e van ata o obxecto. A óptica moderna iniciouse coas sucesivas publicacións de Della Porta, Kepler, Galileo e Descartes, e Newton expuxo a natureza composta da luz branca e as súas ideas corpusculares sobre a constitución da luz. A partir do principio de Huygens, Fresnel fundamentou a teoría ondulatoria da luz (principio de Huygens-Fresnel). Hai que diferenciar dentro da óptica as subramas da óptica xeométrica, óptica física, óptica electromagnética e óptica cuántica. A óptica xeométrica, que estuda a propagación da luz baixo o concepto de raio, fundaméntase no principio de Fermat do camiño óptico mínimo, e subdivídese en catóptrica, dióptrica e cromática. A óptica física considera os fenómenos relacionados coa interpretación ondulatoria da luz e fundaméntase no principio de Huygens. Dos seus fenómenos destacan as redes de difracción. A óptica electromagnética interpreta as ondas luminosas como ondas electromagnéticas, e baséase, pois, nas ecuacións de Maxwell. A óptica cuántica estuda a luz tendo en conta a hipótese cuántica de Planck e o modelo luminoso de fotóns proposto por Einstein. Das partes da óptica destacan a óptica fisiolóxica, que se dedica ao estudo da visión; a óptica cristalina, que se encarga do estudo da propagación da luz a través dos cristais; a óptica metálica, que trata da propagación da luz nos metais; a óptica meteorolóxica, que estuda os fenómenos luminosos da atmosfera; e a óptica de microondas e a de raios X, co uso respectivo de guías de ondas e de redes cristalinas naturais para a difracción. A óptica corpuscular estuda as traxectorias, as focalizacións e as desviacións das partículas atómicas cargadas (óptica electrónica, óptica iónica) ou non cargadas (óptica neutrónica). A óptica de fibras estuda a transmisión de sinais electromagnéticos por fibras ópticas. Os instrumentos que se utilizan en óptica son redutibles a tres elementos: espellos, para fenómenos de reflexión; lentes, para a refracción e prismas, para conseguir a dispersión cromática.
-
s
f
[FÍS/TECNOL]
-
Sistema ou conxunto de sistemas ópticos dun aparato ou dun instrumento, especialmente os que se empregan en fotografía e en cinematografía.
-
Fabricación e comercio de instrumentos ópticos, como lentes, anteollos, lupas e microscopios.
-
Establecemento en que se venden instrumentos ópticos, especialmente lentes e lentes de contacto, e onde tamén se gradúa a vista.
-
-
s
f
Maneira propia de xulgar ou de ver unha cousa.
-
óptica electrónica
[FÍS]
Estudo do comportamento dos electróns e dos feixes electrónicos que, nalgúns aspectos e en determinadas condicións, se manifestan dunha maneira semellante á luz; así, pódese falar de reflexión ou de enfoque de electróns. Estuda especialmente as lentes electrónicas e as súas aplicacións.