oráculo

oráculo

(

  1. s m [HIST/RELIX]
    1. Forma de adiviñación practicada polos pobos antigos, que consistía nunha resposta que, baixo formas diversas e nalgúns lugares determinados, era dada pola divindade á demanda sobre cousas ignotas do pasado, do presente ou do futuro, ou sobre a maneira xusta de actuar en determinadas circunstancias. No oráculo reúnense os grandes temas relixiosos da adiviñación e do lugar sagrado. En Grecia, ademais do oráculo de Zeus en Dodona, existiron outros centros de adiviñación, entre os que sobresae o de Apolo en Delfos. Tamén na Italia antiga hai centros oraculares importantes, como o da Fortuna Primixenia en Preneste, ou o da Sibila de Cumas. Ademais da preparación preliminar dos peregrinos, como as purificacións, os sacrificios e as ofertas ao templo, os oráculos esixen a presenza dun persoal competente de sacerdotes adiviños que interpreten os signos do oráculo.

    2. Divindade que daba esa resposta.

    3. Lugar onde se daban as respostas da divindade.

  2. [RELIX]
    1. s m

      Palabra de Deus, anunciada polos profetas e os apóstolos.

    2. oráculo de Iavé

      Fórmula literaria aparecida na Biblia coa que conclúe un oráculo profético introducido por “Así fala Iavé”.

  3. s m

    Persoa que evoca o pasado e predí os acontecementos que van suceder.

  4. s m

    Persoa que se escoita pola súa sabedoría, pola súa ciencia ou pola súa autoridade nalgunha materia.

  5. s m

    Resposta ou xuízo que se considera infalible.

Palabras veciñas

oración | oracional | oracular | oráculo | Oradea | orador -ra | Oraison, Marc