Ordesa y Monte Perdido, Parque Nacional de

Ordesa y Monte Perdido, Parque Nacional de

Parque Nacional situado na provincia de Huesca, Aragón que inclúe o val de Ordesa e outros territorios lindeiros, cos que acada unha extensión de 15.600 hectáreas. En 1918 foi declarado Parque Nacional e en 1982 ampliouse e recibiu o nome actual. Existe unha gran variación climática debido ás diferenzas de humidade e altitude, polo que existe unha gran diversidade de flora e fauna. Está considerado Reserva da Biosfera (desde 1977), posúe un diploma do Consello de Europa á Conservación (1988, 1993, 1998), é Patrimonio Mundial da UNESCO (desde 1997) e ZEPA (desde 1988). Das especies naturais que se poden ver destacan o tritón pirenaico (Triturus alpestris), a auganeira común (Galemys pirenaicus), o xabaril (Sus scrofa) e o rebezo (Rupicapra rupicapra), aínda que xa non o bucardo, unha subespecie da cabra montesa que se extinguiu a finais do século XX. Entre as aves destacan o crebaosos (Gypaetus barbatus), o voitre branco (Neophron percnopterus) e o voitre leonado (Gyps fulvus), o falcón peregrino (Falco peregrinus), a aguia real (Aquila chrysaetos), o moucho de orellas común (Otus scops), a avelaiona común (Strix aluco), a pita do monte (Tetrao urogallus), o merlo rieiro (Cinclus cinclus), e diversos paseriformes, como ferreiriños ou lavandeiras. Da flora, destaca a existencia de diversos bosques e prados con especies dos xéneros Pinus, Salix, Fagus, Betula, Fraxinus, Vaccimiu, Prunus, Malva, entre outros.

Palabras veciñas

Ordes | Ordes, comarca de | Ordes, partido xudicial de | Ordesa y Monte Perdido, Parque Nacional de | ordinal | ordinario -ria | Ordines Romani