Ordovícico
Segundo dos seis sistemas ou períodos en que se divide a era primaria ou paleozoica. Sitúase por riba do Cámbrico e por debaixo do Silúrico, e está comprendido entre os 505 e os 438 millóns de anos. Os seus materiais adoitan estar constituídos por xistos e cuarcitas, e nas series orixinais, en Gran Bretaña, hai moitas rochas volcánicas non sedimentarias e conglomerados e greses, entre outros. Os fósiles máis importantes son os graptolites, que serven para establecer a biostratigrafía deste sistema, os braquiópodos e os trilobites. Neste período apareceron os lamelibranquios, os antozoos, e os equinodermos. A flora queda reducida a algas diversas e abundantes. Os movementos da terra son habituais e as sucesións ordovícicas presentan mostras frecuentes de transgresións e regresións mariñas.