organización

organización

(< organizar)

  1. s f

    Acción e efecto de organizar ou organizarse.

  2. s f
    1. Maneira de estar constituído un conxunto ou xeito como funciona.

      Ex: A organización do partido da oposición sufriu grandes cambios tras o fracaso electoral.

      Confrontacións: disposición, disposición.
    2. Maneira de estar constituído un ser vivo.

      Ex: A organización dalgúns vexetais é bastante complexa.

  3. s f

    Conxunto de persoas que pertencen a un grupo ou a unha asociación organizada.

    Ex: A organización obreira decidiu desconvocar a folga xeral.

  4. organización administrativa [DER/ADM]

    Conxunto de órganos e dependencias en que se estrutura a Administracion Pública. As normas de organización determinan as competencias e os principios de relación entre os diferentes órganos.

  5. organización científica do traballo [IND]

    Conxunto de técnicas para potenciar a produtividade do traballo industrial, sistematizadas por F. W. Taylor no derradeiro decenio do s XIX. As súas características fundamentais son, en primeiro lugar, a análise sistemática, realizada por técnicos especializados, das diferentes operacións que han de realizar os traballadores, o que comporta unha gran separación entre o pensamento e a execución do traballo. En segundo lugar, a avaliación dos lugares de traballo e a súa asignación aos traballadores mellor dotados para cada un, a simplificación das tarefas que corresponden a cada lugar de traballo, que achegou, sobre todo nun primeiro momento, a creación dun gran número de especialistas en detrimento dos oficios clásicos e dos obreiros polivalentes. En terceiro lugar, a busca dunha cooperación entre a dirección e os traballadores na marcha da empresa, sen pór en cuestión a estrutura xerárquica. E, en cuarto e último lugar, o establecemento da remuneración dos traballadores en relación a uns determinados tempos estándar, cuxa determinación presupón unha cronometraxe. Os diversos perfeccionamentos que sufriu a organización científica do traballo non atenuaron a oposición dos sindicatos obreiros que, paralelamente á loita reivindicativa, elaboraron unha crítica sistemática que pon en cuestión o carácter científico destas técnicas.

  6. organización do espazo [XEOG]

    Determinación da función ou da utilización das diferentes partes dun territorio concreto, espazo urbano, espazo rural, infraestruturas ou parques.

  7. organización formal [SOCIOL]

    Estruturación social en que a racionalidade predomina sobre a espontaneidade. As relacións que se establecen nunha sociedade organizada formalmente son de tipo impersoal e indirectas, e o papel de cada individuo é escollido segundo a súa eficiencia e a súa efectividade.

  8. organización industrial [ECON]

    Utilización racional e coordinada das distintas partes dunha empresa co fin de conseguir a máxima eficacia dos medios utilizados.

  9. organización non gobernamental [SOCIOL]

    ONG.

  10. organización social [SOCIOL]

    Entidade específica que denota unha situación estruturada de funcionamento, unha interrelación entre os seus compoñentes, que posúen unhas características que non se manifestan fóra desta unidade.

  11. organización territorial [DER]

    Conxunto de entes públicos territoriais en que se estrutura un estado ou unha comunidade autónoma.

  12. organización xudicial [DER]

    Constitución xerárquica dos poderes públicos encargados da administración de xustiza que determina as súas atribucións e os límites en que poden exercer a súa autoridade.