Orquestra Sinfónica de Galicia
Orquestra creada en 1992 con sede no Palacio da Ópera da cidade da Coruña. Dirixida por Víctor Pablo Pérez, centra a súa actividade no repertorio do s XX, interesándose tanto polos compositores consagrados, como Brahms, Mozart, A. Gaos ou Enrique X. Macías, como polos novos valores. Participou na gravación de numerosos discos xunto con directores e intérpretes da relevancia de Manuel Barrueco, María Bayo, Plácido Domingo, Antonio Meneses ou o Orfeón Donostiarra, na banda sonora de diversos filmes e na elaboración dun disco compacto de compositores galegos. A OSG ten en marcha proxectos artísticos como o Coro Sinfónico, a Orquestra de Cámara, a Orquestra Nova, a Escola de Práctica Orquestral e os Nenos Cantores da OSG. Organiza cada ano a súa tempada de concertos, en que se acompaña dos máis destacados solistas do mundo, ademais dun Ciclo de Música de Cámara, o Festival Mozart da Coruña e programas didácticos. Participou en diversas xiras que a levaron a Alemaña e a Austria, ao Festival Rossini de Pesaro e á Trienal de Colonia.