Ortegal, comarca de

Ortegal, comarca de

Comarca situada no N da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña. Limita ao N co Océano Atlántico, ao S coas comarcas de Ferrol (concellos de Moeche e As Somozas) e do Eume (concello das Pontes de García Rodríguez), ao L coa comarca da Mariña Occidental (concellos do Vicedo e Ourol) e ao O de novo coa comarca de Ferrol (concellos de Cedeira e Valdoviño) e co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 391,7 km2en que acolle unha poboación de 16.454 (2001), distribuída entre os concellos de Cariño (46,8 km2e 4.844 h), Cerdido (52,7 km2e 1.568 h), Mañón (82,2 km2e 1.870 h) e Ortigueira (210 km2e 8.172 h). O espazo comarcal sitúase na parte setentrional da provincia con dúas vilas de relativa importancia, Ortigueira e Cariño, aínda que recae en maior medida en Ortigueira.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico está dividida en varias unidades aínda que a súa complexidade é moito maior. A distribución das unidades está determinada por dúas aliñacións montañosas, unha no L, as serras da Faladoira e A Coriscada e outra no O, a serra da Capelada, ficando entre elas os vales dos ríos Mera e Baleo que verten as súas augas directamente á ría de Ortigueira. Estas tres unidades conflúen na costa, formando de L a O, Estaca de Bares, no extremo N da serra da Coriscada e A Faladoira, a ría de Ortigueira, no centro, e o cabo Ortegal, no O, no extremo setentrional da Capelada. Na parte occidental existe unha gran variedade litolóxica e unha complexidade na disposición dos materiais, que se manifesta na presenza de numerosos filóns e bandas de rochas metamórficas (lousas, xistos e gneis) e ígneas (serpentinitas e cuarcitas), dentro da formación ollo de sapo, de maneira que, a erosión diferencial fixo posible unha sucesión de pequenos vales e aliñacións, que van perdendo altura ao achegarse á costa. O límite oriental fórmao a ría do Barqueiro, que fai de fronteira natural coa provincia de Lugo e coa comarca da Mariña Occidental. Este sector é unha sucesión de aliñacións de cuarcitas da serra da Coriscada e a serra da Faladoira, en que os principais cumes acadan os 616 m no pico da Faladoira, no SL, e nos picos da Coriscada (521 m) e Carabote (523 m). Esta aliñación vai perdendo altura cara ao N, no Barqueiro (Mañón), e posteriormente penetra no mar formando Estaca de Bares que, na súa parte occidental, contacta co Océano Atlántico a través de cantís, mentres que polo L o fai de forma máis suave, con pendentes menos acusadas. Cara ao O as alturas diminúen e apréciase unha sucesión de pequenos vales formados pola erosión diferencial (val do Esteiro, val do Cota e val do Baleo). Na costa, esta diferenciación litolóxica tamén se aprecia pola alternancia de cantís e costa areosa. Xa no centro da comarca ábrese o val do Mera, unha chaira con suaves ondulacións cara ao S, e con numerosos entrantes e saíntes no contacto co mar. Na parte N deste espazo atópase a ría de Ortigueira, formada polos esteiros dos ríos Mera, Baleo e Maior. Trátase dunha ría alveolar, con numerosos entrantes e saíntes, de terras moi baixas, que fan contacto co mar a través de depósitos sedimentarios que penetran no interior seguindo o curso dos tres ríos. Trátase de pequenas enseadas coma as de Ladrido, Cuíña e Mera no concello de Ortigueira e, Esteiro e Caleiro no de Cariño. Cara ao S desta parte central, o val do río Mera vaise facendo máis angosto nas parroquias do Ermo, Insua (Ortigueira), A Barqueira e Os Casás (Cerdido), ata contactar cos concellos das Somozas e As Pontes de García Rodríguez, onde se localiza o seu nacemento. No O da comarca atópase outra das grandes unidades, a serra da Capelada, que cae directamente ao mar formando o cabo Ortegal e a punta dos Aguillóns. A Capelada érguese como un gran bloque de rochas básicas e ultrabásicas, como serpentinitas, anfibolitas, granulitas ou ecloxitas, que se dispoñen en bandas. Todo o conxunto viuse bastante afectado pola tectónica, aínda que o relevo está bastante suavizado. A presenza de numerosas enseadas na cara marítima e a elevada altitude dos cantís (os de maior altitude de Galicia) fan que este conxunto presente grandes desniveis topográficos. A altura máxima é de 620 m no alto de Vixía Herbeira. Na parte oriental do conxunto existen certas acumulacións cuaternarias procedentes tanto do medio mariño como do continental. No SO da comarca, no concello de Cerdido, predomina a suavidade topográfica, especialmente no extremo máis occidental. Os contrafortes da serra da Capelada e algúns resaltes na parte central deste concello, xunto co val do río Porto do Cabo dan lugar a un relevo ondulado, sen excesivas pendentes e con alturas moderadas. Desde o punto de vista climático, a comarca de Ortegal caracterízase por entrar dentro do dominio oceánico húmido dada a latitude en que se atopa. As temperaturas varían da área costeira ao interior da comarca, así, a media para a zona costeira oscila entre os 13-14°C, mentres que nos cumios máis elevados redúcese a 11-12°C. Os veráns son suaves na costa (17-18°C) e máis frescos no interior e na montaña (15-16°C), o mesmo sucede coas temperaturas invernais, bastante suaves na costa, pola acción reguladora do mar (8-9°C) e máis frías na montaña (5-6°C). A zona central da comarca está moi abrigada dos ventos do O e SO, feito que lle confire un microclima particular, con invernos (10°C) e veráns (19-20°C) suaves. Desta maneira, a temperatura é dun ou dous graos máis elevada na zona central da ría e na súa área de influencia inmediata, que na área costeira de Ortegal ou de Estaca de Bares. As precipitacións non son moi elevadas en xeral (900-1.000 mm), aínda que aumentan na montaña (1.300-1.400 mm) e diminúen no val do Mera e na zona central da ría de Ortigueira (800-900 mm) como consecuencia do efecto pantalla imposto pola serra da Capelada. Os ventos son constantes nesta serra, así coma na Coriscada e na Faladoira. As xeadas son case inexistentes na costa, aínda que poden estar presentes no interior e a neve é ocasional nos cumios. A rede fluvial está composta por tres concas fluviais: os ríos que verten na ría de Ortigueira, os que verten na do Barqueiro e os que o fan na de Cedeira. Trátase de ríos curtos e bastante caudalosos, que forman unha sucesión de vales máis ou menos encaixados que, na toma de contacto coa ría, abren unha chaira de anchura variable. Estes ríos arrastraron sedimentos continentais que entran en contacto directo cos mariños na ría de Ortigueira. Destacan os ríos Mera, Baleo, Maior, Cota, Esteiro, Casón e Landoi. A conca do río Mera discorre cara á ría de Ortigueira e ocupa a maior superficie da comarca. A conca do Sor, río que desemboca na ría do Barqueiro, presenta un cauce moi angosto e encaixado. Os ríos que aflúen a el son moi curtos, xa que discorren por pendentes considerables. No SO atópanse os ríos Mestas, Pontellas e Porto do Cabo que desembocan na ría de Cedeira, formando vales máis ou menos amplos e cunha sinuosidade non moi marcada. A vexetación autóctona foi substituída por grandes extensións de piñeiros e eucaliptos de repoboación, aínda que se conservan algúns exemplares nas ribeiras dos ríos. Nas serras predomina a uz e o toxo.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca mostra dúas etapas claramente diferenciadas: unha, ata 1940, en que a poboación medrou de forma constante, aínda que moderadamente (25.945 h en 1900 e 29.850 h en 1940), e outra, a partir de 1950, en que o descenso foi paulatino (29.764 h en 1950; 18.049 h en 1996 e 16.454 h en 2001). Esta evolución contraposta explícase no feito de que nos primeiros anos do s XX o crecemento vexetativo imperaba sobre a forte emigración que sufría a comarca. Pero a partir da década de 1950 o éxodo rural fixo que os efectivos se reducisen en case un 40%, de maneira que foi a emigración cara a Ferrol, fundamentalmente, e cara ás vilas próximas como Viveiro ou As Pontes de García Rodríguez, máis puxantes que as da propia comarca, feito que fixo descender a poboación de Ortegal. Ortigueira e Cariño, os espazos urbanos máis importantes da comarca, non puideron absorber o exceso de poboación rural, de maneira que o seu crecemento non foi demasiado elevado nesta época. Todos os concellos sufriron o éxodo rural, pero foron Cerdido e Mañón os que viron máis reducidos os seus efectivos. Os núcleos urbanos con máis poboación son Cariño e Ortigueira, aínda que tamén se poden destacar algúns pequenos núcleos de características urbanas coma O Barqueiro (Mañón), Espasante e A Ponte de Mera (Ortigueira), así como a pequena capital municipal de Cerdido, centro de equipamentos a escala local. Cariño tivo un crecemento demográfico maior que o de Ortigueira debido ao desenvolvemento pesqueiro desde principios do s XX, a pesar da súa situación de illamento. O menor dinamismo de Ortigueira debeuse a que soamente puido comportarse como centro terciario para a comarca, xa que o seu desenvolvemento pesqueiro foi ínfimo e non canalizou investimentos ao igual que fixo Cariño. Pero a súa situación, na estrada C-642 entre Ferrol e Viveiro, máis vantaxosa respecto a Cariño, fai que teña maior dinamismo que aquela, moi afectada polas crises pesqueiras e polo seu illamento. Os índices de avellentamento da comarca están a medrar como consecuencia da intensa emigración que se produciu desde a Guerra Civil española, xa que en 2001 os menores de 20 anos representaban o 17,9% e os maiores de 65 o 25,7%, non obstante, o maior avellentamento produciuse en Mañón, Cerdido e Ortigueira, mentres que en Cariño, debido ao seu maior dinamismo desde mediados do s XX o número de efectivos novos foi maior. En 2001, o crecemento vexetativo era de signo negativo (-9,09‰) a causa dunha moi baixa natalidade (4,74‰) e dunha mortalidade en alza (13,85‰). A poboación da comarca de Ortegal distribúese de forma máis ou menos equilibrada por toda a comarca, aínda que dunha forma máis densa na parte central da ría de Ortigueira. As densidades demográficas sitúanse entre os 70-100 h/km2na parte central da ría, mentres que diminuíron ata os 30-40 h/km2na área intermedia, e son xa moito máis baixas (menos de 30 h/km2) na montaña e nas áreas de costa accidentada.
Xeografía económica
Ortegal é unha comarca en que a estrutura por sectores de actividade mostra un equilibro bastante destacado na súa configuración do emprego. Así, o primario dá traballo a un 33,9% da poboación activa, o secundario a un 29,8% e o terciario a un 36,2%. Non obstante, esta estrutura produtiva mostra claras diferenzas entre concellos. Cerdido e Mañón posúen un gran continxente de empregados no primario, o mesmo sucede con Cariño, debido á súa tradición pesqueira, mentres que Ortigueira está orientado máis ao terciario. As actividades englobadas dentro do sector primario aínda seguen a ter importancia na comarca de Ortegal, especialmente nas áreas rurais. A importancia dos pastos e prados responde, pola súa banda, á estrutura produtiva do primario, que lle concede grande importancia á gandaría destinada á produción láctea, principalmente en Ortigueira. Por outra parte, a gandaría cárnica desenvólvese nas serras da Faladoira, A Coriscada e A Capelada. A pesca acada a súa maior expresión nos concellos costeiros, o total de empregos é do 11% en toda a comarca, e destaca sobre todo en Cariño, onde ascende ao 33% da poboación activa. O porto de Cariño posúe unhas boas infraestruturas que o converten nun dos referentes da pesca galega. Posúe unha frota que se despraza a alta mar para a captura de especies como o bonito e a pescada con artes como o pincho e o cerco. Outros portos que posúen certa importancia, aínda que moito menor, son Espasante, Ortigueira e O Barqueiro. O marisqueo tamén dá considerables ingresos ás confrarías de pescadores, especialmente ás daqueles portos que teñen menos desenvolvemento que o de Cariño. Destacar o marisqueo nas rías de Ortigueira e O Barqueiro, sobre todo na captura de especies coma o berberecho e a coquina. Tamén existen varias piscifactorías na comarca. As actividades silvícolas, especialmente as plantacións de eucalipto, teñen unha relevancia destacada. Existen varios serradoiros repartidos por toda a comarca, sobre todo en Ortigueira e Cerdido, que explotan os bosques de eucalipto. Polo que respecta ao sector secundario, este ten menor forza que os outros dous, pero non por iso deixa de ser relevante. Do 29,8% do emprego xerado, a construción participa en gran medida no concello de Ortigueira. Dentro da industria, hai que destacar as conserveiras de Cariño, que dan emprego a man de obra feminina, xunto con algunhas auxiliares de fariñas e graxas de pescado, serradoiros e pequenas empresas de construcións metálicas. Respecto á minaría extráese dunita en Landoi (Cariño), lousa en Loiba e Céltigos (Ortigueira) e caolín en Mogor (Mañón). Dadas as condicións das serras, instaláronse varios parques eólicos en Estaca de Bares, A Faladoira, A Coriscada e A Capelada, que converteron a Ortegal nunha das comarcas con maior número de superficie ocupada por parques eólicos. O sector terciario (36,2% do emprego total), está ben representado nas principais cabeceiras urbanas, Ortigueira, Cariño e O Barqueiro fundamentalmente. Destacan as empresas dedicadas ao comercio, a gran maioría moi pequenas e con moi poucos empregados. A hostalaría desenvolveuse grazas ao crecemento turístico, nunha área costeira que está pouco masificada. Pero no que verdadeiramente medrou a comarca foi no emprego en servizos públicos. Cariño e Ortigueira posúen institutos de educación secundaria, e todas as cabeceiras teñen centros de saúde con maior ou menor especialización. Así mesmo, tamén existen distintos servizos sociais como centros de terceira idade, polideportivos públicos e piscinas. O principal eixe viario é a estrada C-642 que comunica Ferrol con Cervo, e cruza a comarca de SO a NL, atravesando Cerdido, Ortigueira e Mañón. Outras estradas secundarias son a AC-100, entre Ortigueira e As Pontes de García Rodríguez, a AC-103, que comunica os concellos de Ortigueira e As Somozas, así como as distintas estradas locais.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos localizados nesta comarca pertencen á cultura megalítica e entre eles destacan as mámoas do Forno dos Mouros en Ortigueira. Da Idade de Bronce atopáronse abundantes materiais en Senra (Ortigueira) con machados de talón que completan os antigos restos descubertos no castro do Campo da Torre de Ortigueira. Durante a época castrexa a poboación concentrouse, entre outros, no castro de Cerdido, onde se atopou un torque de ouro. A presenza dos romanos constatouse polas ruínas atopadas, como as de Cariño, ou ben por restos de silos e pequenas figuras en Ortigueira. Esta terra foi coñecida, xa desde época romana, como Arrós, palabra derivada do pobo prerromano que habitaba esta área, os arróns. Coas invasións bárbaras, a comarca de Ortegal estivo baixo o dominio suevo ata o s VI. Desta época consérvanse restos dos muros dun castelo, nun couto denominado castelo do Casón, que servía para defender a ría de Ortigueira de posibles ataques. Desde o s VI, parte da comarca quedou incluída no condado de Labacengos, sobre todo o concello de Cerdido. No s X as terras de Ortigueira foron repoboadas baixo o mandato de Afonso IV o Monxe. Tratábase de certas áreas denominadas “ermas”, nome que se recolleu na toponimia da parroquia e San Xulián do Ermo. A partir do s X tense noticia do porto de Bares (916) nun documento de Ordoño II, e dun mosteiro situado na parroquia de Mogor en Mañón. Nesta época comezou o esplendor destas terras baixo os condes Gutier e santa Alduara, antepasados dos condes de Traba, que comezaron a gobernar esta área. O mosteiro de San Martiño de Xubia tamén tivo certa influencia na zona xa que nas doazóns feitas por algúns señores da época aparecen mencións a este mosteiro, e o marqués de San Sadurniño influíu no territorio de Cerdido ostentando o título de vizconde. Durante o s XIII, o territorio de Ortigueira pertencía ao condado de Trastámara e nesa época aparece citada a vila de Santa Marta de Ortigueira. En 1255 Afonso X o Sabio outorgoulle o Fuero Real e en 1268 concedeulle o privilexio de comerciar co estranxeiro. Durante o Antigo Réxime a comarca pertenceu á provincia de Betanzos e dividíase entre as xurisdicións de Ortigueira, Mañón e Cerdido. As variacións territoriais na comarca producíronse a partir da división municipal de 1835. En principio eran varios os concellos que hoxe están incluídos na comarca: Veiga, Freires, San Salvador de Couzadoiro, Ortigueira, Mañón e Cerdido. Os catro primeiros fusionáronse e formaron o concello de Ortigueira, que se mantivo ata 1988, cando varias das súas parroquias se constituíron como concello propio co nome de Cariño.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados destacan o porto de Bares en Mañón, de grande importancia arqueolóxica, xa que o dique que protexe o actual peirao está formado por grandes pedras que poden pertencer a outro da Idade de Bronce, e o castro de Cerdido. Da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas parroquiais de San Cristovo das Ribeiras do Sor e San Mamede das Grañas do Sor en Mañón, a de Santa Marta de Ortigueira e a de San Xoán de Espasante en Ortigueira e a de San Martiño de Cerdido; ademais da capela de San Xiao de Trebo situada preto do cabo Ortegal. Da arquitectura civil sobresaen os pazos de Torres da Cerca (s XVII) en Cariño, os de Ortigueira, San Cristovo de Couzadoiro e Riomaior en Ortigueira, e os de San Fiz e a Torre de Lama, ambos en Mañón. Tamén hai que destacar, dentro da arquitectura civil, as vilas dos indianos en Ortigueira. Das festas que se celebran na comarca as máis salientables son as da Virxe do Carme, o 16 de xullo, e as de San Bertomeu entre o 23 e o 26 de agosto, en Cariño; a romaría de Santa Lucía, as festas de Santo Antonio na Barqueira e a de San Martiño en Cerdido e as de Santa Marta de Ortigueira a finais de xullo, ademais do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira en xullo.