Ortigueira, ría de

Ortigueira, ría de

Ría do NL da provincia da Coruña, no N da comarca de Ortegal, situada entre as puntas de Estaca de Bares, ao L, e cabo Ortegal, ao O, formada na desembocadura dos ríos Mera, Baleo e Maior. Os concellos ribeiráns son O Vicedo, Ortigueira e Cariño. Trátase dunha ría alveolar, con numerosos entrantes e saíntes, de terras moi baixas, que fan contacto co mar a través de depósitos sedimentarios (areas e limos basicamente) que penetran cara ao interior seguindo o curso deses ríos. Trátase de pequenas enseadas coma as de Ladrido, Cuíña e Mera no concello de Ortigueira, Esteiro e Caleiro no de Cariño. O brazo de mar que penetra cara ao S aparece encaixado entre a serra da Capelada, ao O, e a serra da Faladoira, ao L. A litoloxía do sector está composta principalmente de rochas de natureza ácida, e en menor medida, rochas metabásicas e ultrabásicas. A morfoloxía desta ría baséase nun sector aberto ao mar que se descompón nunha serie de lóbulos que se introducen cara ao interior. As temperaturas suaves (11-13°C e 18-19°C) e unhas precipitacións entre os 1.100-1.300 mm. É un modelo típico de ría alta, cunha zona de influencia mariña que presenta barras areosas e zonas sometidas á influencia mareal como a chaira intermareal, de gran riqueza ornitolóxica, que conforma a zona Ramsar e ZEPA de Ortigueira e Ladrido, pertencente á Rede Natura 2000 do mesmo nome.